Os Premios do Libro Galego inician a súa sexta edición e pasan a denominarse Follas Novas

4 Febreiro 2021

A sexta edición dos premios que recoñecen todas as actividades arredor do mundo do libro en Galicia está en marcha estreando un nome ligado ao nacemento mesmo do libro en Galicia. A partir desta edición, os premios que se coñecían como Gala do Libro pasan a denominarse Premios Follas Novas do Libro Galego, en homenaxe á grande obra de Rosalía de Castro publicada en 1880.

As tres asociacións convocantes, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) iniciaron o proceso de selección das obras finalistas. Na celebración dos premios colaboran o Concello de Santiago, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e CEDRO.

Esta sexta edición dos Premios do Libro Galego estará marcada, como estivo a anterior, pola situación pandémica que vive o mundo, de maneira que todos o procesos de elección dos premios serán virtuais, incluíndo a gala dos Premios Follas Novas que, só en caso de melloría manifesta da situación en Galicia, podería celebrarse de maneira presencial.

Os premios Follas Novas do Libro Galego queren poñer en valor todas as actividades relacionas co mundo libro en Galicia, desde a creación literaria ata a edición e as distintas iniciativas arredor do libro. Esta sexta edición terá como protagonistas a autores e autoras, títulos e iniciativas desenvolvidas durante o ano 2020, un ano especialmente difícil para todo o sector que se viu especialmente afectado pola situación pandémica desde o pasado mes de marzo.

Nesta sexta edición, os premios manterán o mesmo número de categorías e o sistema de elección, cunha primera fase preliminar na que cada asociación escolle aos seus candidatos nas distintas categorías e, a partir de aí, un xurado designado polas asociacións convocantes escollerá tres títulos para ser finalistas en cada categoría e, finalmente, a elección dos premiados en cada unha delas. En total, son quince as categorías que se escollen neste galardón. Ademais destas categorías, na gala de maio tamén se fará entrega dos tres premios honoríficos: o de Escritor/a Galego/a Universal, o premio á Edición e o premio á Libraría.

Categorías dos Premios Follas Novas do Libro Galego:

1ª.- Premio á obra de ensaio e investigación.
2ª.- Premio á obra de divulgación.
3ª.- Premio á obra de narrativa.
4ª.- Premio á obra infantil.
5ª.– Premio á obra xuvenil.
6ª.- Premio ao libro ilustrado.
7ª.- Premio ao libro de banda deseñada.
8ª.- Premio á iniciativa bibliográfica.
9ª.- Premio á obra traducida.
10ª.- Premio ao libro de poesía.
11ª.- Premio ao libro de teatro.
12ª.- Premio ao libro mellor editado.
13ª.- Premio á iniciativa cultural ou fomento da lectura.
14ª.- Premio ao proxecto literario na rede.
15ª.- Premio á traxectoria en xornalismo cultural.

Está pasando!