Carme Fouces, Jacobo Sutil, Sheila Patricia, Patty Castro e Jorge Pallarés | © Pixelin Photo

Músicas ao Vivo presenta a X edición dos Premios Martín Códax da Música que inicia o seu proceso anual cara a gala de entrega do 7 de xuño en Pontevedra

7 Marzo 2023

  • Os galardóns presentáronse onte en Santiago de Compostela e volven ao calendario primaveral prepandemia coa gala final o 7 de xuño en Pontevedra
  • O proceso de inscrición de proxectos estará aberto dende o 13 de marzo ao 2 de abril do 2023

Os Premios Martín Códax da Música fan dez anos da man da asociación Músicas ao Vivo e abren a súa convocatoria 2023 a todos os proxectos musicais galegos vixentes e en activo durante este último ano. Desde o seu nacemento, os premios marcáronse como obxectivo visibilizar a creatividade musical de artistas e bandas de Galicia e o potencial da música como sector estratéxico, desde o punto de vista social e económico.

A décima edición dos galardóns foi presentada este luns 6 de marzo no Salón Teatro de Santiago de Compostela xunto aos patrocinadores Bodegas Martín Códax, Agadic-Xunta de Galicia e Concello de Pontevedra. Os Premios Martín Códax da Música 2023 volven as súas datas habituais prepandemia e integran quince categorías musicais, tres premios Organistrum, un galardón honorífico e, por segundo ano, mellor proxecto de Artista Emerxente.

O proceso de inscrición de proxectos estará aberto dende o 13 de marzo ao 2 de abril a través da web premiosmartincodaxdamusica.gal, renovada con motivo deste aniversario especial.


Sheila Patricia, Patty Castro e Jorge Pallarés | © Pixelin Photo

A gala de entrega dos 10º Premios Martín Códax da Música terá lugar o vindeiro 7 de xuño no Pazo da Cultura de Pontevedra e estará inspirada no proceso de elaboración do viño en relación aos procesos de composición e produción de música. Será a primeira gala organizada pola directiva entrante o pasado ano en Músicas ao Vivo formada por Sheila Patricia, Xavier Castro, Patty Castro, Tomás Díez, Silvia Penide e Pablo Lesuit, que recoñece deste xeito o apoio fundamental das Bodegas Martín Códax.

Centos de proxectos preséntanse cada ano, desde 2013, nas diferentes categorías dos Premios Martín Códax da Música convertendo a convocatoria nunha cita de referencia cultural e un punto de confluencia para as persoas que se dedican á música no noso país.

A edición da consolidación, asi definiron Sheila Patricia e Patty Castro, presidenta e tesoureira de Músicas ao Vivo respectivamente, estes décimos Premios Martín Códax da Música, que volven ao calendario habitual prepandemia. As quince categorías musicais dos premios son: Pop e Indie; Rock e Punk; Blues, Funk e Soul; Metal e Heavy; Canción de Autor/a; Músicas Urbanas; Músicas do Mundo e Mestizaxe; Electrónica; Música Clásica e Contemporánea; Jazz e Músicas Improvisadas; Música Tradicional; Música Folk; Música Infantil; Orquestras, Grupos e Música de Verbena; e Bandas de Música Popular. Tras o peche das inscricións o 2 de abril, un xurado profesional encárgase de valorar e puntuar os proxectos coa selección de tres finalistas por categoría; son as socias e socios de Músicas ao Vivo quen votan na seguinte fase.

Jorge Pallarés, director de marketing e comunicación das Bodegas Martín Códax, remarcou a relevancia dos premios para a empresa vinícola, que acompañan desde a primeira edición. “Collemos folgos para ser ambiciosos, queremos uns premios coa magnitude do traballo que hai detrás. Estamos moi orgullosos de ter contribuído a esta andaina; desde as adegas o apoio á cultura e, máis concretamente, á música en Galicia é fundamental”, sinalou.

Tanto Carme Fouces, concelleira de Cultura no Concello de Pontevedra como Jacobo Sutil, director da Agadic-Xunta de Galicia, gabaron o patrocinio cultural da Bodegas Martín Códax, un patrocinio desde o ámbito empresarial que apoia diferentes proxectos no país e que se identifica cos valores positivos da cultura. Jacobo Sutil lembrou que, na andaina dos Martín Códax, atopamos douscentos proxectos premiados e “o mérito en cada edición de innovar e facelo mellor”. A concelleira de Cultura de Pontevedra subliñou que moitos destes proxectos premiados “son hoxe carreiras de éxito, música que soa en todas partes“.

Desde Músicas ao Vivo agradeceuse ademais o patrocinio dos premios por parte da Deputación de Pontevedra, que non puido estar representada na rolda de prensa pola celebración de pleno extraordinario na institución provincial.


Carme Fouces, Jacobo Sutil e Sheila Patricia | © Pixelin Photo

Premios Organistrum, Honorífico e Artista Emerxente

Ademais nos 10º Martín Códax volverán a entregarse os tres premios Organistrum, que destacan anualmente unha Sala, un Festival e un Espazo de Comunicación Musical e a mención honorífica a toda una carreira artística ou traxectoria profesional que teña sido un referente para o resto de músicos e músicas en Galicia.

Nesta edición manterase así mesmo o premio ao mellor proxecto de Artista Emerxente, categoría extraordinaria que se presentou o pasado ano por primeira vez e na que resultou distinguida a cantante Antía Muíño. Este premio pretende valorar a proxección e potencial dun proxecto de nova creación que non leve en activo máis de tres anos, que non editara máis dun disco e non fose premiado ou finalista en edicións anteriores. O xurado profesional encargarase da escolla de tres finalistas, pero como novidade, ademáis das persoas socias de Músicas ao Vivo tamén o público xeral poderá votar nesta categoría.

Desde Músicas ao Vivo sublíñase que “ao longo desta década, os galardóns demostraron que a súa esencia vai moito máis alá dun exercicio de reafirmación que culmina na espectacular gala anual de entrega de premios. A relevancia destes premios reside na capacidade como elemento de cohesión e como plataforma para poñer en primeiro plano todo o traballo dun sector creativo e transformador como é o da música, apoiando e potenciando a súa dignificación e profesionalización”.

Toda a información e as bases dos premios poden consultarse na web premiosmartincodaxdamusica.gal

Está pasando!