Os preparativos do 8M en Vilagarcía arrancan coas convocatorias do Premio para Igualdade e do Maratón Fotográfico

8 Febreiro 2024

  • O Concello de Vilagarcía xa puxo en marcha os preparativos para celebrar o 8M, Día Internacional da Muller, mediante a convocatoria dos dous tradicionais certames que a Área de Igualdade convoca con motivo desta data, o Maratón Fotográfico e o Premio para a Igualdade de Xénero: Boas prácticas na Educación
  • O primeiro está aberto á participación da poboación en xeral e o segundo focalízase no traballo dos centros educativos do municipio

Con estas iniciativas, o departamento que dirixe Tania García, pretende promover unha reflexión sobre as situacións de desigualdade entre homes e mulleres que aínda se dan na sociedade actual, romper cos estereotipos sexistas e traballar na educación en valores e na prevención da violencia machista.

O Maratón Fotográfico pola Igualdade de Xénero celebrarase o sábado 2 de marzo. Trátase dunha actividade orientada a persoas afeccionadas á fotografía, polo que non poderán participar profesionais. Como o ano pasado, haberá unha categoría de adultos, para concursantes a partir de 14 anos de idade, e outra infantil na que poderán participar nenos e nenas nados entre os anos 2010 e 2015. Na modalidade de adultos concederanse tres premios -un por cada unha das tres temáticas propostas-, dotado cada un deles con 200 euros en metálico. Na categoría infantil concederase un único premio consistente nunha cámara de fotos dixital deportiva.

Seguindo o procedemento doutros anos, ao longo da xornada na que se celebra a proba, os participantes deberán captar imaxes que ilustren as temáticas apuntadas pola organización, que serán tres para a categoría dos adultos e unha para a infantil. Trátase de que, mediante a observación da vida cotiá ou aplicando a creatividade, se poña o foco sobre situacións de desigualdade, de xeito que, ao facelas visibles resulte máis doado impulsar os cambios que as fagan desaparecer.

Exposición física e dixital das fotografías do certame

Ademais, para facer consciente á sociedade desta problemática, as fotos do certame formarán parte dunha exposición física no Auditorio a partir do 5 de abril e outra dixital a través das redes sociais do Concello.

Bases e inscrición

O prazo para anotarse no Maratón Fotográfico vai do 29 de xaneiro ao 27 de febreiro. As bases e o formulario de inscrición estarán dispoñibles no taboleiro de anuncios da web municipal http://www.vilagarcia.gal e na sede.vilagarcia.gal. Os interesados poden anotarse remitindo o formulario cuberto ao enderezo electrónico maraton.muller@vilagarcia.gal ou facelo a través da sede electrónica.



Tamén na web e na sede electrónica do Concello poderán consultarse as bases do XVIII Premio pola Igualdade de Xénero: Boas Prácticas na Educación, unha iniciativa na que poderán participar centros educativos do municipio de Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato, Ciclos Formativos e de Educación Especial, así como os centros de réxime de ensinanzas especiais (como a Escola Municipal de Música, o Conservatorio ou o Escola Oficial de Idiomas) e obradoiros de emprego.

O obxecto desta convocatoria é premiar e dar visibilidade a boas prácticas educativas nas que se traballe a prol da consecución da igualdade entre homes e mulleres, da igualdade de trato e da non discriminación por razón de identidade ou orientación sexual, da identificación e rexeitamento de estereotipos sexistas que contribúan ao mantemento da violencia machista e da incorporación de xeito transversal de valores que constrúan esquemas alternativos de socialización baseados na igualdade entre o alumnado.

As propostas poderán ser presentadas pola dirección do centro, por algún departamento ou área de traballo, por profesorado de xeito individual ou polas ANPAS, sempre que no seu proxecto estea involucrado activamente o alumnado.

O concurso establece tres categorías dependo do nivel do ensino (unha para Infantil e Primaria, outra para Secundaria e Bacharelato e a terceira para Ciclos Formativos, Ensinanzas de Réxime Especial e Obradoiros de Emprego) e concederase un premio dotado con 500 euros en metálico en cada unha delas.

A presentación das boas prácticas para participar no premio farase obrigatoriamente de xeito telemático, a través da plataforma do Concello de Vilagarcía: https://sede.vilagarcia.gal, cubrindo o “modelo 01001 Solicitude xenérica” e xuntando a ficha da memoria explicativa, a documentación solicitada e os anexos que se consideren oportunos. O prazo de recepción remata o día 30 de abril de 2024 ás 23.59 horas.


Está pasando!