Foto de escena da ópera electrónica ‘Papagena’ | © Miramemira

‘Papagena’, a ópera electrónica en galego dirixida por ButacaZero, chega a Caldas de Reis este domingo 9 de outubro

5 Outubro 2022

  • Sobre o escenario estarán a soprano Esperanza Mara e o barítono cambadés Jacobo Rubianes que actúan acompañados no escenario polo director musical da peza, Iago Hermo, compositor ademais da música e do libreto
  • A ópera será no Auditorio Municipal de Caldas de Reis ás 19:00 horas e a entrada é libre ata completar o aforo

‘Papagena’, á última creación da compañía ButacaZero, dirixida por Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas, vaise representar este domingo 9 de outubro, ás 19.00 h, no Auditorio Municipal de Caldas de Reis. Trátase dunha ópera electrónica contemporánea de pequeno formato en galego, con perspectiva de xénero, que narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica. O elenco está formado pola soprano Esperanza Mara e o barítono cambadés Jacobo Rubianes Castelo que actúan acompañados no escenario por Iago Hermo, compositor da ópera e do libreto e tamén director musical da peza.

O espectáculo é gratuíto e ten entrada libre ata completar o aforo. Esta función enmárcase no programa ‘Con-fiando Cultura’ da Deputación de Pontevedra que tamén levará ‘Papagena’ ata outros tres puntos da provincia: Tui (21 de outubro), Gondomar (5 de novembro) e Bueu (19 de novembro).

‘Papagena’ é unha ópera electrónica inspirada na parella de persoas-paxaro da célebre A frauta máxica, de Wolfgang Amadeus Mozart. A peza, na que Castiñeira e Carrodeguas asumen por primeira vez a dirección escénica dunha ópera, nace da vontade de afondar nos clixés de xénero presentes no eido da creación operística, mais tamén pretende rachar con outras percepcións habitualmente asociadas ao mundo da lírica: a lingua, os espazos de representación, o público destinatario ou mesmo o formato, o vestiario ou a escenografía, que non contará con elementos analóxicos e se baseará no espectralismo minimalista. O resultado, coa colaboración de Ana Arteaga na escenografía e de Diego Valeiras no vestiario, é un espectáculo musicalmente inmersivo e visualmente contemporáneo que levará a ópera a vilas onde non adoita chegar este estilo musical.

Así, alén de Pontevedra, a xira de ‘Papagena’ tamén ten previstas funcións en Narón (15 de outubro), Oleiros (29 de outubro), Celanova (6 de novembro), Muros (12 de novembro), Boiro (18 de novembro) e Foz (25 de novembro). Na meirande parte das vilas o público poderá gozar desta experiencia única e inmersiva de xeito totalmente gratuíto. Todas as datas, horarios e sistema de acceso ás funcións de ‘Papagena’ está dispoñible na páxina web da compañía, butacazero.net.

APOSTA POLA CREACIÓN EMERXENTE E O TERRITORIO

Con esta nova produción, unha ópera galega e en galego, ButacaZero mantén a súa aposta polo risco escénico, pola creación emerxente a través da colaboración con artistas de Galicia e pola creación vinculada á temática social e cunha fonda implicación no territorio. Neste sentido, un dos principais obxectivos da compañía viguesa é construír país arredor da cultura. Para iso, adaptarán a ópera contemporánea á realidade social galega, levándoa, ao longo do vindeiro trimestre, a espazos non convencionais para a súa representación. A entrada será de balde en todas as funcións para favorecer, deste xeito, o achegamento á ópera tanto do público adolescente coma adulto.


Está pasando!