Presentación do programa Pinto e Maragota | © Concello de Pontevedra

Pinto e Maragota propón un outono formativo, gastronómico e de ocio en Pontevedra

6 Outubro 2023

  • O programa municipal pola diversidade sexual impulsado polo Concello de Pontevedra fixa no calendario unha Foliada Diversa este sábado, 7 de outubro; un congreso para docentes e profesorado o vindeiro 21 de outubro e un Vermú Tortilleiro o 19 de novembro
  • A edil de Igualdade, Anabel Gulías, lembrou que Pontevedra «non levanta a bandeira do orgullo, só un día, senón que a levanta durante todo o ano»

A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, compareceu esta mañá en rolda de prensa para ofrecer unha ollada polo miúdo da programación enmarcada baixo o selo Pinto e Maragota.

A edil pontevedresa quixo poñer en valor o conxunto de actividades en relación coa diversidade que promove o Concello de Pontevedra, sinalando que «poucos Concellos contan cunha programación deste tipo e con este número de actividades». «Pontevedra non levanta a bandeira do orgullo só un día, Pontevedra levanta a bandeira da diversidade durante todo o ano e faino desde diferentes perspectivas».

Gulías asegurou que «o que non se ve non existe e o que non se nomea tampouco existe», uns feitos cos que o programa Pinto e Maragota traballa decotío. Esta mañá, a concelleira de Igualdade quixo destacar tres elementos ou actividades incluídos no nomeado programa.



Primeiro, o Premio Literario Pinto e Maragota, creado en colaboración coa editorial Xerais, que este ano recaeu en Carmen Caramés e na súa obra ‘Todo o que doe’.

Doutra banda, o congreso para formadores que se celebrará o sábado 21 de outubro, no Teatro Principal de Pontevedra, «A diversidade sexual e de xénero nas aulas é unha materia que debe ser tratada nas aulas decotío. Este congreso poder ser unha ferramenta fundamental para o profesorado e facer sociedades mellores», indicou Gulías. O congreso rematará cun recital poético de Ismael Ramos, premio nacional de poesía xove. Tamén haberá obradoiros nos centros de ensino secundario de Pontevedra en paralelo ao congreso.

Máis preto no calendario, este sábado, 7 de outubro, a Praza do Teucro acollerá a Foliada Diversa, desde as 19.00 horas, en colaboración coa Asociación Cultural Trépia.

Está pasando!