Pisando forte estende a oferta formativa para xente moza ao longo de todo o ano

2 Marzo 2021

O concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, presentou onte pola mañá os seis primeiros obradoiros dunha nova edición do programa Pisando forte que, ao igual que o resto da programación desta área municipal, se reformula e estende a súa programación a longo de todo o ano.

Segundo explicou Alberto Oubiña, “neste ano tan estraño exploramos o autocoñecemento e a intelixencia emocional”, como ferramentas orientadas a mellorar a empregabilidade das persoas mozas. Neste contexto, o concelleiro asegurou que na escolla da temática dos obradoiros se tivo en conta que “estamos a programar para a xeración que maioritariamente, por debaixo dos 35 anos, vén de sufrir dúas crises mundiais en moi poucos anos e que se ve obrigada a traballar nunhas condicións totalmente precarizadas cando son persoas que están moi formadas.”

Todos os cursos que inicialmente se deseñaron como presenciais poderán ser reformulados para ser impartidos en liña, se as condicións sanitarias o requiren. Na preferencia de admisión terase en conta a idade, entre 16 e 35 anos, o lugar de empadroamento, e reservarase unha lista de agarda para persoas con diversidade funcional. O prazo de inscrición xa está aberto e pode realizarse a través de xuventude.pontevedra.gal ou apuntate.pontevedra.gal

Obradoiros ofertados:

  • Intelixencia emocional para os novos tempos. Será presencial, ofértanse 15 prazas e comezará o 10 de marzo. Este obradoiro está orientado a manexar as emocións de xeito positivo, produndizando no mundo emocional en momentos de cambio e incertidume.
  • Habilidades comunicativas. A túa marca persoal en redes sociais. Será en liña, ofértanse 20 prazas e comezará o 15 de marzo. Ten por obxectivo o correcto manexo das redes sociais e a identificación das máis rendibles no eido da empregabilidade.
  • Seguridade informática e sinatura dixital. Será en liña, ofértanse 15 prazas e dará comezo o 22 de marzo. Inclúe módulos relacionadoos con certificados e sinaturas electrónica e dixital
  • Educación ambiental e compostaxe. Será presencial, ofértanse 15 prazas e dará comezo o 15 abril. Está orientado á formación en experiencias de xestión de residuos a través do funcionamento de composteiros.
  • Mindset para os novos tempos. Instalando o teu antivirus persoal. Tamén será presencial, con 15 prazas e comezará o 4 de maio. Está deseñado para coñecer o Mindset como filosofía de crecemento persoal e profesional, a través da incorporación de mentalidades abertas cara a contorna.
  • Descobre o teu talento. Será presencial, ofértanse 15 prazas e dará comezo o 19 de maio. Estará centrado no desenvolvemento persoal e profesional que permita accións de emprendemento cara ao mundo laboral.
Está pasando!