Ángel Moldes e Rocío Cochón na Casa-Museo de Colón | Concello de Poio

Poio abre ao público a Casa-Museo de Colón, cunhas instalacións renovadas e máis de moda que nunca

14 Abril 2025

  • Durante os últimos meses, o Goberno local investiu máis de 35.000 euros para poñer a punto a casa natal do navegante en Portosanto
  • O horario de apertura é de martes a sábado, de 9:30 a 14:30h, e os visitantes poderán coñecer a exposición permanente sobre a teoría do Colón galego, cunha ampla colección de réplicas e documentos relacionados con esta figura

O Concello de Poio reabre a Casa-Museo de Colón, en Portosanto, logo de someterse nos últimos meses a importantes actuacións de mantemento e mellora das instalacións. O alcalde, Ángel Moldes, comprobou esta mañá o resultado, acompañado da concelleira de Turismo, Rocío Cochón.

Durante a visita, Moldes convidou a veciños e visitantes a achegarse estes días ata o Museo de Colón para coñecer a casa natal do navegante e descubrir todo o patrimonio coloniano que se esconde nunhas instalacións totalmente renovadas e máis de moda que nunca.

Desde esta semana, o horario de apertura é de martes a sábado, de 9:30 a 14:30h, durante o que os visitantes poderán coñecer a exposición permanente sobre a teoría do Colón galego, cunha ampla colección de réplicas e documentos relacionados con esta figura. Na temporada alta, o horario ampliarase ata as 17:00h de martes a venres, mentres o sábado permanecerá aberto só de mañá.


Casa-Museo de Colón, en Portosanto | Concello de Poio

Nos últimos meses o Goberno local investiu máis de 35.000 euros en distintas actuacións, como a renovación da fachada, a reparación das filtracións de auga e humidades, a colocación de tarima flotante no espazo expositivo, un tratamento antioxidante e antideslizante nas escaleiras, pintado interior do edificio e reparación da entrada e a instalación dun novo sistema de seguridade. Ademais, a recepción do Museo inclúe un novo tótem informativo e outras novidades na zona de exposición.

Moldes subliña as posibilidades turísticas e culturais do patrimonio coloniano de Poio, co recuperado Día de Colón, que se celebra o 9 e 10 de maio, o Bosque de Colón do Castrove e este Museo, integrado na Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA), de centros relacionados coa cultura mariñeira. “Suman un importante patrimonio inmaterial, un puntal fundamental dun destino sustentable, internacional e de calidade”.

Ademais, recoñece que “agora que a figura de Colón suscita un especial interese, este Museo ten un enorme potencial. Coñecer a teoría da súa orixe galega e información sobre o noso veciño máis ilustre é cada vez máis popular e accesible”.

Antes da remodelación as visitas experimentaron un crecemento do 25%, de usuarios cun perfil moi interesante, desestacionalizado e con inquedanzas culturais. Por iso, desde o Concello de Poio agardan que a mellora das instalacións, e o interese nacional e internacional cada vez maior pola figura do descubridor fagan que 2025 sexa un bo ano para a Casa Museo de Colón.

Está pasando!