© Concello de Poio

Poio acollerá o vindeiro domingo o Campionato Galego de Ciclocrós – V Ciclocrós Poio Móvese

4 Xaneiro 2023

A concelleira de Deportes de Poio, Marga Caldas (BNG), acompañada por integrantes e o máximo responsable do Poio Bike Club, Francisco Albar, e do presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, deron a coñecer este martes os detalles da quinta edición do Ciclocrós Poio Móvese, que o Concello organiza en colaboración co club poiense e que este ano será moi especial, xa que por primeira vez será o Campionato Galego da especialidade. Deste xeito, tras as catro probas previas, será no circuíto que se habilitará na contorna da Seca e da Reiboa onde se decidan as competicións nas categorías de elite, sub-23, junior, cadete e Máster 30, 40 e 50, tanto masculinas como femininas. Prevese a participación de máis de 300 deportistas.

A proba terá lugar este domingo, 8 de xaneiro, desde as 9.30 horas, e contará cunha alta participación. Tanto Caldas como o resto de organizadores lembraron que este tipo de competicións destacan pola súa espectacularidade e sempre atraen a un gran número de competidores e de público. Con respecto ao percorrido, cubrirá unha superficie de 3 quilómetros, nos que non faltarán os habituais obstáculos, tablóns e zonas de area. “É un circuíto esixente, que obrigará ás e aos participantes a dar o mellor de si e que a bo seguro suporá un gran atractivo para as persoas que se acheguen a gozar da proba como espectadores”, vaticinou Marga Caldas. A concelleira de Deportes tamén salientou, xunto a Francisco Albar, a relevancia desta competición, xa que os e as campioas de cada categoría serán as encargada de formar parte do combinado galego que compita no vindeiro Campionato de España de Ciclocrós.

A edil de Deportes lembrou que durante o desenvolvemento da proba, así como nas horas previas, habilitarse un dispositivo especial de seguridade, no que tomarán parte a Policía Local e Protección Civil. Ademais, Caldas tamén quixo agradecer e poñer en valor o “espectacular traballo” que desenvolve o Poio Bike Club á hora de “facer canteira e acadar grandes resultados nesta modalidade. Cada ano son máis as crianzas que se animan a probar esta disciplina, ao que hai que sumar os enormes éxitos que os e as integrantes do club acadan habitualmente en diferentes probas”.

Por último, Marga Caldas tamén fixo fincapé na importancia de que esta proba adquira un carácter autonómico, non só polo feito de que “temos garantida a presencia dos e das mellores competidoras de Galicia”, senón tamén porque “é un paso máis á hora de consolidar ao noso concello como referente na organización de probas deportivas de gran nivel, en diferentes modalidades, unha aposta que imos continuar mantendo desde a Administración local”.


Está pasando!