
Poio aposta por un Entroido participativo, que fomenta a tradición e con propostas para toda a familia durante todo o mes
19 Febreiro 2025
- A programación arranca o domingo 2, co Desfile de Disfraces en Campelo, e inclúe a Pasarela de Comparsas o venres 21 e o enterro do Galo Fodorico, o sábado 22.
- A maiores, inclúense bailes, enterros e desfiles en Lourido, Samieira e Combarro.
- O prazo para anotarse no desfile remata este venres, día 21, para os grupos, mentres que os participantes individuais ou en parella poden facelo ata o mesmo día do evento.
Poio ten todo en marcha para gozar dun Entroido participativo, que aposta pola tradición e se estende por todo o concello durante o mes de marzo.
Esta mañá, o alcalde Ángel Moldes, presentou toda a programación, acompañado pola concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, e de representantes dos colectivos, grupos e comparsas que colaboran.
Así, sinalou que tras o éxito colleitado o ano pasado, consolidan os cambios que se introduciron respecto ao horario matutino e o percorrido do Desfile de Entroido, así como a organización dunha Pasarela de Comparsas na Seca, para a que xa pecharon as inscricións tras as superar todas as expectativas.
Neste senso, Moldes subliñou que cando as decisións se toman tendo en conta as opinións dos protagonistas e se fan desde o consenso é moito máis fácil conseguir estes éxitos. Por iso, agradeceu a todos os grupos, comparsas e colectivos o seu diálogo constante.

A programación arranca o domingo 2 co Desfile de Entroido, entre a Biblioteca Municipal e a Praza da Granxa, onde rematará coa animación musical de DUE Eventos e a entrega de premios.
Repartiranse 4.820 euros entre os mellores disfraces nas categorías individual, parellas e grupos infantís e adultos, así como mencións especiais de animación e choqueiro. A día de hoxe, xa hai dez grupos inscritos, así como comparsas de toda a comarca confirmadas e o prazo para anotarse aínda está aberto ata este venres día 21. No caso das categorías individual e por parellas, poden facelo ata o mesmo día do desfile.
Ademais do Desfile, outra das grandes citas que “chegaron para quedarse” no Entroido de Poio é a pasarela de Comparsas, unha exhibición que se fará o venres 21 de marzo na Seca con mencións especiais e moita música e animación con Dolce Vita. Será a partir das 21.00 horas nunha carpa instalada na Seca.
O enterro do Galo Fodorico será o sábado 22 de marzo, na Praza do Mosteiro, coa posterior Festa Choqueira, con chocolate quente e actuación musical, a partir das 21.00 horas.
A maiores das tres citas “principais” do Entroido de Poio, Moldes recordou que a programación tamén inclúe as festas familiares, bailes, desfiles e enterros que se organizan nas diferentes parroquias: Combarro, Lourido e Samieira, e que son un atractivo importante que veñen a completar e ampliar a actividades dun entroido que, en Poio, se estende durante todo o mes de marzo.
“Temos por diante unha programación moi variada, ampla e para todas as idades. Unha programación atractiva que tinguirá de moita cor e animación as rúas de todo o municipio, e para a que animamos a veciños e visitantes a participar nela”, engadiu.
No caso de Combarro, a festa familiar de Entroido será o mércores 5 de marzo a partir das 17.00 horas na Praza da Chousa, organizado pola AC Ateneo Corredoira. Posteriormente, enterrarase ao Mexillón, a partir das 20.00 horas, cunha comitiva que o trasladará desde o porto da Canteira ata a Chousa.
Tamén o mércores 5, pero en Samieira, será a presentación do Galo Bruxo, organizado pola SDC Samieira, na Praza Alfredo Romay a partir das 19.00 horas. O enterro será o sábado 29, ás 17.30 horas cun desfile entre a Praza Amalita e a Casa do Pobo en Río de Bois.
Lourido celebra a Festa familiar e Enterro do Berberecho o venres 14 de marzo, a partir das 17.00 horas no parque Costa Xiráldez e coa animación de Javi Solla.

PRETO DE 5.000 EUROS EN PREMIOS NO DESFILE
O Concello de Poio repartirá 4.820 euros en premios no desfile de Entroido que se celebrará o domingo 2 de marzo, a partir das 12.00 horas, entre a Biblioteca Municipal e a Praza da Granxa, en Campelo. Todas as persoas que participen deberán estar neste lugar unha hora antes da saída.
As categorías nas que se pode concursar no desfile de Entroido son individual, parella ou grupo, tanto en infantil (ata 14 anos) como adultos (desde os 15 anos). No caso dos grupos, terán como mínimo tres participantes que deberán gardar unha unidade temática; poderán ir acompañados de carroza ou plataforma móbil.
As bases para participar pódense cunsultar en concellopoio.gal e o prazo para anotarse estará aberto ata este venres, 21 de febreiro.
Os grupos deberanse inscribir a través da sede electrónica do concello, mentres que no caso da inscrición individual ou en parellas pódese facer tamén no rexistro xeral do Concello de Poio, entre as 8:30 e as 14:00 horas ou, só nestas dúas categorías, facer a inscrición o mesmo día do desfile, entre as 9.30 e as 11.00 horas nas inmediacións da Biblioteca Municipal.
Xunto coa solicitude de inscrición deberase acompañar a seguinte documentación: copia do DNI do/da participarte no desfile e do/da seu titor/a ou representante legal, no caso de menores de idade. No caso de asociacións, copia do CIF da entidade e do DNI da persoa representante.
Este ano aumentan os premios establecidos para o concurso. Así, na categoría de adultos, o 1º premio do disfrace individual será de 170 euros, 120 euros para o segundo, 75 euros para o terceiro e 50 euros para o cuarto clasificado. En parellas, o primeiro posto recibirá 210 euros, 160 euros o segundo, 120 euros o terceiro e 90 euros o cuarto. Por grupos, os gañadores terán un premio de 500 euros, 400 euros para os segundos clasificados, 300 euros para os terceiros, 200 euros para os cuartos e, por último, 100 euros para os quintos.
En categoría infantil, o primeiro premio individual é 120 euros, 105 euros para o segundo e 70 euros o terceiro. En parellas, os gañadores recibirán 160 euros, os segundos clasificados 120 euros, os terceiros, 75 euros, e os cuartos, 50 euros. Con respecto aos grupos, o primeiro premio son 250 euros, o segundo 205 euros e o terceiro 160 euros.
Ademais, haberá premios especiais choqueiro e animación que son compatibles co resto de premios e que repartirán nos dous casos 200 euros para o primeiro clasificado, 155 euros para o segundo e 110 euros para o terceiro. No caso do choqueiro, haberá tamén un cuarto premio de 80 euros.
O xurado do concurso estará composto por membros que forman parte da comisión municipal de Educación, Cultura e Deporte, que valorarán aspectos como o vestiario, a orixinalidade, coreografías, harmonía, simpatía, actitude, ritmo, animación, estética, posta en escena, maquillaxe, presenza de elementos complementarios como carrozas ou plataformas móbiles, etc.