Raquel Rodríguez e Carmen Portela

Poio prepárase para celebrar o Día das Letras Galegas cunha programación chea de novidades

12 Maio 2021

A Concellaría de Cultura deu a coñecer os detalles da programación que o Concello de Poio, en colaboración coa Sociedade Cultural e Deportiva (SCD) Raxó, impulsa este ano para celebrar o Día das Letras Galegas.

Cómpre lembrar que nesta edición recórdase a figura da escritora lucense Xela Arias.

Raquel Rodríguez que estivo acompañada no acto pola presidenta da SCD, Carmen Portela, detallou os pormenores dun programa que se desenvolverá entre o domingo 16 e o luns 17, e que incluirá contacontos, un faladoiro ou a tradicional entrega de premios aos gañadores do certame literario Xaime Illa Couto.

Todas as iniciativas desenvolveranse no propio centro cultural de Raxó, seguindo todas as medidas hixiénicas, de aforo e distanciamento marcadas polas autoridades sanitarias.

Deste xeito, as prazas para a asistencia destas actividades son limitadas, polo que que será requisito indispensable reservar asistencia nos días previos, chamando ao 986 770 001 (extensión 1207). Tamén é posible facelo enviando un correo electrónico a poiocultura@concellopoio.gal.

A titular de Cultura, Raquel Rodríguez, incidiu na importancia de “poñer en valor e dar a coñecer a obra dunha muller referente no eido da lingua e da cultura galega como foi Xela Arias”. Partindo desa filosofía, o departamento municipal apostou por desenvolver iniciativas que servisen para achegar os detalles da súa obra a xente de todas as idades.

Entre elas, figura o contacontos ‘Arredor de Xela’, que terá lugar o domingo 16 ás 17.30 horas e que correrá a cargo de Raquel Queizás.

No que á mocidade se refire, Raquel Rodríguez lembrou que a principios de maio o alumnado de 1º de ESO do IES traballou nun obradoiro, impartido pola artista multidisciplinar Neves Seara, a través do cal a rapazada realizou deseños e ‘collages’ inspirándose no texto ‘Poema a Darío’. Estas propostas forman parte dunha exposición no propio Centro Cultural Xaime Illa.

Outra das grandes novidades da programación será a celebración dun faladoiro, o luns 17 de maio, ás 12.00 horas, que versará sobre o protagonismo da lingua galega no periodismo actual, así como o seu impacto no ámbito da poesía. As súas protagonistas serán a comunicadora Susana Pedreira, cunha ampla traxectoria radiofónica, e a poeta de Combarro Tamara Andrés.

Pola tarde, procederase á entrega dos premios aos e ás gañadoras do Certame Literario Xaime Illa.

Raquel Rodríguez resaltou o “gran nivel acadado nesta edición, tanto no número de obras como no que á súa calidade se refire”. En total, as persoas integrantes do xurado tiveron que analizar 112 textos, dos cales 60 correspondían a poemas e 52 a relato curto. “Unha vez máis, e vendo o nivel de participación nas diferentes categorías establecidas por idades, queda confirmado que Poio conta cunha gran canteira literaria”, celebrou a concelleira de Cultura

Este acto en recoñecemento os e ás gañadoras do certame contará coa participación do dúo Cámara Xarima e da agrupación Sementes de Liberdade, do IES, que se encargarán de por música a varios textos de Xela Arias.


Está pasando!