Poio presenta unha programación de Nadal cargada de novidades, espectáculos na rúa e actividades lúdicas

13 Decembro 2021

Espectáculos e animación na rúa, concertos musicais, actividades para a mocidade e, como guinda, a chegada dos Reis Magos son algunhas das iniciativas que forman parte da programación de Nadal organizada pola Concellería de Cultura de Poio.

A súa responsable, a nacionalista Raquel Rodríguez, presentou este programa, que consta de máis de 20 citas que se desenvolverán entre o 17 de decembro e o 5 de xaneiro de 2022. A edil do Goberno local destacou a gran variedade na oferta lúdica, que, ademais, chegará a todas as parroquias. Na cita tamén estivo presente o alcalde, Luciano Sobral, e representantes de colectivos e artistas que serán protagonistas nestas actividades.

Unha das principais novidades será, precisamente, a que inaugure a devandita programación. Será o ‘Seica na Seca!’, unha xornada que terá lugar o venres 17 de decembro, a partires das 16.30 horas, nunha gran carpa que se habilitará na Seca, en San Xoán. “Esta é unha iniciativa pensada para a mocidade”, indicou Rodríguez Alonso. A actividade incluirá obradoiros de graffiti, skate e DJ, ademais de actuacións musicais.

A carpa continuará sendo a gran protagonista ao longo desa fin de semana, ao acoller o sábado e domingo pola mañá karts a pedais, quads eléctricos e inchables. Ademais, o sábado pola noite a Orquestra Marbella ofrecerá un concerto, mentres que o domingo haberá un musical infantil de Nadal.

O Concello tamén levará ás rúas das parroquias o espírito do Nadal. Para iso, contará coa inestimable colaboración dos emblemáticos trasnos, que se deixarán ver polo municipio desde o día 18 ata finais de decembro. Tampouco faltará a Papanoelada en moto, coa Asociación Rosa dos Ventos coma protagonista. Esta terá lugar o día 19. Tampouco faltará o Apalpador, que chegará á vila o 27 grazas á Deputación de Pontevedra. Outro clásico destas datas, os obradoiros de Nadal para crianzas, terán lugar entre o 27 e 29 en Lourido, no Xaime Illa de Raxó e no parque Rosalía de Castro.

Con respecto aos espectáculos, Raquel Rodríguez anunciou que este ano recupérase unha cita que en 2019 contou cunha gran participación. Trátase das Badaladas de San Martiño, un evento que serve para adiantarse á despedida de 2021. A cita será o día 30, ás 20.00 horas, e incluirá a foliada ‘Trae o teu instrumento’, ademais de degustación de chocolate quente, rosca e uvas. Como no podía ser doutro xeito, daranse as 12 badaladas que anuncian o cambio de ano. A actuación de Los Coleguitas porá o peche a esta xornada tan especial. O día 26, pola súa banda, haberá unha gala de maxia no Xaime Illa. Neste apartado, destaca tamén o Festival de Panxoliñas de Nadal de Campelo, o día 23 de decembro, con pasarrúas con xigantóns e o tradicional concerto, na Praza da Granxa. Tamén en Campelo, no Local social, haberá un concerto a cargo da Escola de Música (ESMU) o 27 de decembro.

Xa co ano 2022 iniciado, o 2 de xaneiro a sede da Comunidade de Montes Rega dos Agros de Combarro será escenario do Baile de Aninovo (21.00 horas), coas actuacións de Juan José Mariño, Marietta e Miguel Martínez. Non faltarán tampouco as súas maxestades de Oriente. O día 5 darase a benvida aos Reis Magos, cunha folla de ruta da que a Concellería de Cultura dará conta nas vindeiras datas. O que si adiantou Raquel Rodríguez é que, ao igual co ano pasado, instalaranse buzóns nas parroquias para que os nenos e nenas de Poio “poidan deixar as súas cartas”.

Todas as actividades desenvolveranse tendo en conta a evolución da situación sanitaria, tal e como garantiu a titular de Cultura. Pola súa banda, o alcalde Sobral agradeceu o esforzo e implicación das agrupacións e artistas locais que colaboran á hora de desenvolver esta programación. “É de valorar o seu compromiso para facer chegar á veciñanza propostas lúdicas de todo tipo”, indicou.


Está pasando!