Participantes no desfile do Entroido 2024 en Poio | Concello de Poio

Poio xa ten datas para o seu Entroido: o desfile de Campelo será o domingo 2 de marzo e a pasarela na Seca, o venres 21

20 Xaneiro 2025

  • O calendario foi consensuado con representantes das comparsas e grupos locais.
  • Estas novidades que se introduciron o ano pasado supuxeron un éxito de participación que aspiran a repetir.

O Entroido de Poio xa ten datas: o desfile de Campelo será o domingo 2 de marzo, en horario de mañá, e a pasarela de comparsas na Seca, o venres 21. Así se decidiu, de xeito consensuado, na reunión que mantiveron o alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, con representantes das comparsas e grupos locais.

A maiores destas dúas citas, tamén se incluirán os enterros e outras actividades organizados en colaboración cos diferentes colectivos locais e que se irán concretando nas próximas semanas.

Consolídase deste xeito o formato e as novidades introducidas na edición pasada, que conseguiron un grande éxito de participación con comparsas e grupos chegados de toda a provincia, desde Gondomar, Meis, Xeve, Soutomaior, Sanxenxo… grazas a unha proposta e un calendario que evitou competir coas citas doutros concellos da contorna.


Participantes no desfile do Entroido 2024 en Poio | Concello de Poio

Un éxito de participación e de público que, aseguran, esperan repetir este ano no Entroido, que comezará en Campelo, o domingo 2 de marzo, co desfile entre a Biblioteca Municipal e a Praza da Granxa, onde será o fin de festa con música, animación e entrega de premios aos mellores disfraces.

Pola súa banda, o fin do Entroido será o venres 21 de marzo, na Seca, coa pasarela de Comparsas nas que estas agrupacións exhibirán os seus disfraces e coreografías, e incluirá tamén entrega de mencións especiais para os participantes, música e moita animación.

Desde o Concello de Poio sinalan que o feito de que todos os grupos e comparsas locais xa confirmaron a súa participación nestas dúas citas, despois da experiencia do ano pasado, non fai máis que confirmar que estas novidades eran necesarias e foron un éxito.

Con respecto aos premios e condicións do Desfile de Entroido, nas próximas semanas aprobaranse as bases, que incluirán os premios, categorías e datos para inscribirse.

Está pasando!