Ponteatro achegará a Pontevedra 6 espectáculos teatrais “de primeiro nivel” entre o 9 de febreiro e o 22 de abril
27 Xaneiro 2023
- Todos terán lugar ás 21:00 horas no Teatro Principal a excepción da derradeira representación ‘Altsasu’ de La dramática Errante, no Auditorio do Pazo da Cultura
- Miss Docet de Compañía Eléctrica será a encargada de inaugurar a tempada o vindeiro xoves 9 da man da actriz Iria Pinheiro
- Xa están á venda en Ataquilla.com as entradas para cada espectáculo a un prezo de 8 euros (4 euros para estudantes, desempregados e maiores de 65) e de non esgotarse, 1 hora antes na billeteira
- A alta demanda de abonos na pasada edición motivou que desta volta se puxeran a disposición do público 60 abonos para todo o ciclo a un prezo de 32 euros máis gastos
A concelleira de Cultura Carme Fouces presentou esta mañá unha nova edición do ciclo Ponteatro que terá lugar entre o xoves 9 de febreiro e o 22 de abril. Fíxoo a través da imaxe do cartaz baseado na pintura de Lady Elizabeth Stanley realizada por George Romne.
“Empregamos como vén sendo habitual unha pintura clásica para convidar ao teatro. Penso que desta volta é moi acaído porque Lady Elizabeth ten un aire moi teatral e ademáis di que non che dará chegado a próxima función. Ponteatro é un ciclo moi consolidado que achega as mellores compañías de teatro en galego e con representación do resto do estado. Son compañías, como Talía, Redrum, Malasombras, etc que teñen unha gran traxectoria e achegan ademáis temáticas que teñen que ver coa denucia social, con discurso e mensaxes reinvindicativas. A memoria histórica, a política, o feminismo, a pedrastia, etc serán algún dos temas das 6 funcións.”
A concelleira avanzou que o Teatro Principal segue a ser o escenario principal do ciclo, xa que acollerá 5 dos 6 espectáculos. O derradeiro, sobre o Caso Altsasu, terá lugar no Auditorio do Pazo da Cultura. Salientou que se manteñen os prezos populares de 8 euros (4 euros para estudantes, desempregados e maiores de 65 anos) e que a boa acollida en pasadas edicións fixo que se ampliara o número de abonos para todo o ciclo a (32 euros), poñendo a disposición do público 60 abonos.
Tanto as entradas soltas como os abonos están xa á venda en Ataquilla.com e de non esgotarse, unha hora antes na billeteira.
PROGRAMA PONTEATRO 2023
Xoves 9 de febreiro | Teatro Principal
‘MISS DOCET’ de Compañía Eléctrica
O novo proxecto teatral da Compañía Eléctrica ten como protagonista a Emilia Docet, a muller coñecida por ser a “miss España galeguista”. Militante do Partido Galeguista, do que levaba unha insignia no peito cando se converteu en miss España, foi unha das participantes no Mitin das Arengas o 24 de xullo de 1934 en Compostela.
A interpretación de Iria Pinheiro guía esta peza de teatro documental no que a biografía de Emilia se entretece coa doutras mulleres silenciadas despois de 1936.
Como un desfile de voces, ecos e silencios, Miss Docet recupera desde a escena a potencia dunha xeración de galegas que viu truncada a súa historia por un golpe de estado ilegal, e contribúe á loita para evitar que os seus nomes e os seus pasos desaparezan das nosas memorias.
• Texto orixinal: Iria Pinheiro e María Reimóndez
• Dirección: Vanesa Sotelo
• Elenco: Iria Pinheiro
• Duración: 75 minutos
Xoves 2 de marzo | Teatro Principal
‘VOX POPULI’ de Malasombra
‘Vox Populi’ é un espectáculo de gran formato. Unha ópera rock con música e letras orixinais, interpretada en directo por doce actrices, actores e músicas.
‘Vox Populi’ fala do continuo crecemento da ultradereita en todo o mundo e da súa influencia negativa nunha grande cantidade de temas como: a inmigración, as liberdades e os dereitos sociais.
• Texto e dirección: Jose Prieto
• Elenco: María Costas, Paku Granxa, César Goldi, Paula Pier, Carlos Mosquera “Mos”, Bea García, Xoque Carbajal, Iria Sobrado, Celia González, Chechu Mosquera, Lorena Martín e Andrés Sandá
• Duración: 90 minutos
Xoves 9 de marzo | Teatro Principal
‘HAMELIN’ de Redrum Teatro
“Era unha vez unha bela cidade chamada Hamelin. A cidade encheuse de ratas. Ata que alguén fixo soar unha fermosa música”. A versión áspera do conto é máis verosímil e parécese máis ao mundo no que vivimos. No noso mundo, as nenas son as primeiras que pagan. Pagan os vicios das maiores e as súas mentiras. Neste sentido, o Hamelin que non sabe protexer as súas nenas é como moitas cidades do noso mundo. Mayorga aborda o tema da pederastia cunha linguaxe e escenas cheas de elipses, onde as cousas quedan aludidas, onde o espectador debe poñer da súa parte para interpretar, para imaxinar, para encher os silencios. Juan Mayorga aborda o tema dunha maneira moi sutil, os silencios dos personaxes encerran grandes verdades, evita unha linguaxe groseira e opta por un espectador activo que imaxine máis aló do que se mostra en escena.
Este texto, galardoado co Premio Max en 2006, supuxo a consagración do seu autor Juan Mayorga, Premio Princesa de Asturias das Letras en 2022 e que recentemente asumiu a dirección artística do Teatro de la Abadía.
• Texto: Juan Mayorga
• Dirección e tradución: Alex Sampaio
• Elenco: Machi Salgado, Mónica García, Fran Lareu, Belén Constenla, Roberto Leal, Guillermo Carbajo, Rubén Porto
• Duración: 90 minutos
Xoves 30 de marzo | Teatro Principal
‘MORTE ACCIDENTAL DUN ANARQUISTA’ de Talía Teatro
Milano, 1969. Un anarquista falece tras caer pola ventá dunha comisaría na que está sendo interrogado pola policía. En plena investigación xudicial dos feitos, a aparición nesta comisaría dun “tolo” que se fai pasar por diferentes personaxes logrará darlle a volta ás indagacións e descubrir a verdade.
Obra mestre da farsa con hábiles toques satíricos na que Dario Fo pon en evidencia a natureza da policía, os seus métodos manipuladores e a súa función represora, así como o importante papel dos medios de manipulación masiva na súa busca da noticia e do “escándalo”.
• Texto orixinal: Dario Fo
• Dirección: Cándido Pazó
• Elenco: Toño Casais, Diego Rey, Marta Ríos, Dani Trillo, Artur Trillo, Xurxo Barcala, Rubén Prieto.
• Duración: 85 minutos
Xoves 20 de abril | Teatro Principal
‘CONTINENTE MARÍA’ de Ainé Producións
Esta montaxe -que coincide co centésimo aniversario do seu nacemento- pretende recuperar e homenaxear a figura de María Casares, á vez que se vale da súa figura para falar da propia condición dos artistas nun mundo en continuo cambio, analizando escenicamente as nosas contradicións como país e como sociedade.
Unha rutilante Melania Cruz preséntanos a protagonista como un continente que ansiamos percorrer, establecendo unha cartografía emocional con base nas súas vivencias, pensamentos e recordos, viaxando a través dun diálogo entre o presente e o pasado para tratar de entendernos mellor como seres humanos creadores e habitantes dun mundo no que non hai tantos anos, as exiliadas eran as galegas que defendían a democracia.
• Texto: Marianella Monre
• Dirección: Tito Asorey
• Elenco: Melania Cruz e Vadim Yukhnevich
• Duración: 70 minutos
Sábado 22 de abril | Auditorio do Pazo da Cultura
‘ALTASU’ de La Dramática Errante
Ficción creada a partir do caso Altsasu.
Na madrugada do 15 de outubro de 2016 prodúcese ás portas do bar Koxka, en Altsasu (Navarra) un altercado no que se viron implicadas varias veciñas do pobo, dous axentes da Garda Civil e as parellas destes. O resultado foi de dous detidos e un nocello roto. En menos de 24 horas Altsasu convértese nun estudio de televisión e en menos dun día e medio o caso é un asunto de Estado. Os denunciantes néganse a declarar ante a Policía Foral, algo que si fan ante os seus compañeiros da Garda Civil.
O xiro deste dantesco espectáculo prodúcese cando COVITE, o Colectivo de Vítimas do Terrorismo no País Vasco, denuncia os feitos ante a Audiencia Nacional. Esta organización introduce a acusación de terrorismo e o operativo policial contra nove persoas ponse en marcha. Sete delas ingresan en prisión inmediatamente. Á vista oral que comeza o 16 de abril de 2018 chégase con peticións fiscais de entre 62 e 12 anos de prisión para oito delas. O xuízo é seguido con expectación en todo o Estado español polo que pode significar un recorte das liberdades e o abuso da expresión “terrorista” que impulsa a Fiscalía para unha pelexa de bar.
• Dramaturxia e dirección: María Goiricelaya
• Elenco: Egoitz Sánchez, Ane Pikaza, Nagore González, Aitor Borobia
• Duración: 75 minutos