Ponteatro achegará ao Teatro Principal de Pontevedra seis espectáculos cun evidente compromiso social 

16 Setembro 2025

  • Amorodio Teatro, Teatro Español, Producións Teatrais Excéntricas, Histrión Teatro, Etiqueta Negra e Talía Teatro achegarán as mellores propostas do panorama teatral.
  • Os espectáculos terán lugar os xoves 9, 16, 23 e 30 de outubro e 6 e 13 de novembro ás 21.00 h.
  • Xa están á venda en Ataquilla.com os abonos a un prezo único de 30 € e as entradas a 8€ con desconto a 4€ para as persoas estudantes, desempregadas e maiores de 65.

Demetrio Gómez, concelleiro de cultura, presentou este luns unha nova tempada de Ponteatro que achegará 6 espectáculos do mellor teatro galego e de fóra do país entre o 9 de outubro e o 13 de novembro os xoves ás 21.00 h no Teatro Principal.

“Ponteatro regresa por fin a Pontevedra para esta nova tempada de outono con 6 obras diferentes, todos os xoves de outubro e dous xoves de novembro. Agardamos coma sempre unha boa resposta do público de Ponteatro, enchendo a sala, o que fai entender que acertamos coa programación.

Demetrio Gómez na presentación da nova edición de Ponteatro | Concello de Pontevedra

Desta volta traemos 4 espectáculos do mellor da produción galega que se pode traer e tratan temas moi contemporáneos, de actualidade: En ‘Cortello de amor’ abordaremos o prezo da vivenda, o alugueiro e a dificultade da xente moza para comezar a súa vida. Con ‘As desterradas’ a través dunha comunidade de monxas do século XVI, a resiliencia das mulleres a súa capacidade para transformar as cousas cando se xuntan.

‘Go home’ tratará tamén un tema de absoluta actualidade: a turistificación das nosas cidades. Pechamos con Talía o 13 de novembro que trae ‘Un deus salvaxe’ que a partir dunha cea de parellas e dun incidente entre os seus fillos, reflexiona sobre a sociedade actual e as relacións.

Como vedes o teatro galego actual está na liña do que para min debe ser o bo teatro e a literatura, a de facernos reflexionar sobre o mundo que temos e xerar moitas preguntas.

Quixemos establecer nese sentido un diálogo entre estas obras e algunhas que se produciron fóra das nosas fronteiras galegas con mellor que se pode traer e contaremos en primeiro lugar o 16 de outubro con ‘Carmen, nada de nadie’: unha peza de teatro documental que fala sobre como a protagonista renunciou aos privilexios de clase e chegou a alcanzar un posto que ningunha muller desempeñara antes neste país: xefa do gabinete da Presidencia do Goberno.

O 30 de outubro, Histrión Teatro traerá un dos éxitos desta tempada en todo o Estado, ‘Nevenka’ sobre a valentía desta muller que conseguiu levar ao alcalde de Ponferrada aos tribunais e gañarlle por primeira vez un xuízo por acoso no traballo.

Unha programación completa para pasar un outono entretido e proveitoso gozando do teatro en Pontevedra.

As entradas xa á venda en Ataquilla.com a un prezo xeral de 8€ por espectáculo, 4€ a prezo reducido para persoas estudantes, desempregadas e maiores de 65. Tamén lanzamos polo momento 50 abonos a prezo único de 30€ que, tentaremos ampliar no caso de esgotarse”

PROGRAMA PONTEATRO

Xoves 9 de outubro – ‘Cortello de amor’ de AmorodioTeatro

Unha comedia moi galega, con retranca e sotaque que trata problemáticas actuais como o disparatado prezo dos alugueiros ou o turismo non sostible.

Jack e Rose, unha parella que ronda os trinta anos e que levan xuntos desde a adolescencia, van ao concerto do seu grupo favorito, Grande Amore, nunha praza céntrica a carón do seu piso. Logo dunha festa memorable, os membros do grupo non conseguen arrincar a súa furgoneta. Rose e Jack, fans incondicionais, non o dubidan e deciden ofrecerlles a súa casa para pasar a noite, e durmir eles dous no faiado.

Dirección: Marián Bañobre Dramaturxia: Laura Porto

Elenco: Carmen Facorro e Javier Castiñeira.

Duración: 75 min.

‘Cortello de amor’ | Amorodio Teatro

Xoves 16 de outubro – ‘Carmen, nada de nadie’ de Teatro Español e Tablas y más Tablas

A vida de Carmen Díez de Rivera foi tan excepcional que ten paralelismos coas protagonistas das traxedias gregas, como Antígona ou Ariadna. Nada nunhas circunstancias familiares atropeladas, dentro do máis distinguido da aristocracia española, renunciou aos privilexios de clase e chegou a alcanzar un posto que ningunha muller desempeñara neste país: xefa do gabinete da Presidencia do Goberno.

No escenario, Carmen vai debullando os momentos álxidos da súa carreira política mentres recorda os episodios íntimos que marcaron a súa desesperanza e o seu carácter.

Dirección: Fernando Soto

Dramaturxia: Francisco M. Justo Tallón e Miguel Pérez García.

Elenco: Beatriz Argüello, Oriol Tarrasón, Ana Fernández e Víctor Massán.

Duración: 90 min.

‘Carmen, nada de nadie’ | Sergio Parra

Xoves 23 de outubro – ‘As desterradas’ de Producións Teatrais Excéntricas

25º Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais

No século XVI unha pequena comunidade de monxas á beira do Miño vese ameazada pola cobiza da xerarquía eclesiástica. Os señores da Igrexa, para rematar coa resistencia das freiras, non dubidan en difamalas e ameazadas por todos os medios. Carme Varela reconstrúe nun thriller conventual aqueles tempos de resistencia das comunidades de mulleres autosuficientes e poderosas. A vida parece continuar coas súas rutinas de rezos, bordados e melindres, mais a negra sombra da ameaza exterior abátese sobre o convento de Albeos.

Dirección: Quico Cadaval

Elenco: Melania Cruz, Patricia Vázquez, Rebeca Montero, Rocío González, Belén Constenla e Víctor Mosqueira.

Duración: 85 min.

Xoves 30 de outubro – ‘Nevenka’ de Histrión Teatro

En 2001, e por primeira vez na historia de España, unha muller gañou un xuízo por acoso sexual a un político. Nevenka Fernández sentou a un alcalde no banco dos acusados, converténdose no primeiro caso do #MeToo nun país que lle deu a razón nos tribunais, pero que a estigmatizou publicamente.

Hoxe este caso devólvenos a imaxe do que fomos para sinalar os avances, pero tamén as feridas.

Hoxe Nevenka segue sendo ese espello no que se miran as mulleres que a precederon e que a seguiron; un reflexo dunha sociedade que cambiou ou, quizais, non tanto.

Dirección e autoría: María Goiricelaya

Elenco: Gema Matarranz, Ales Furundarena e Ana Ibáñez.

Duración: 80 min.

Xoves 6 de novembro – ‘Go home’ de Etiqueta Negra Producións

‘Go home’ conta a historia de David, un fanático do turismo que xa fixo todo tipo de aventuras que as axencias lle podían ofrecer. Todas menos unha: unha viaxe sorpresa, a cegas, na que non sabe o que lle vai acontecer.

A peripecia levarao a pasar a noite no Cebreiro, comezando unha aventura na que gozará de emocións intensas, tales como a dúbida, o medo e a sorpresa.

Trátase dunha comedia comprometida coa realidade que trata unha das temáticas máis de actualidade do momento: o turismo e a xentrificación.

Dirección: Tito Asorey Autoría: José Prieto

Elenco: David Amor e Josito Porto.

Duración: 90 min.

Xoves 13 de novembro ás 21.00 h – ‘Un deus salvaxe’ de Talía Teatro

Dous matrimonios, adultos e civilizados, atópanse para resolver un incidente protagonizado polos seus fillos pequenos: un deles partiulle dous dentes ao outro nunha pelexa no parque. Nada que uns pais civilizados coma eles non poidan resolver.

Con este sinxelo argumento a autora desta peza, Yasmina Reza, compón unha sátira da sociedade contemporánea e disecciona, con moito sentido do humor, as relacións de parella, a educación, a competitividade… pero, sobre todo, o exceso de corrección política.

Autoría: Yasmina Reza

Dirección: Artur Trillo

Elenco: María Ordóñez, Dani Trillo, Marta Lado e Toño Casais

Duración: 70 min.

Está pasando!