Pontecesures, Dodro e Portas acollen ‘Comediantes no camiño’, unha obra de teatro de rúa que pon en valor a ruta portuguesa

27 Agosto 2022

A compañía Inventi Teatro estrea o 28 de agosto, no marco do programa ‘O teu Xacobeo’ da Xunta de Galicia, unha peza protagonizada por dous peregrinos de principios do século XX que percorren o Camiño nun antigo autocar de época.


Pontecesures, Dodro e Portas, tres Concellos polos que transcorre o Camiño Portugués, acollerán o vindeiro 28 de agosto ‘Comediantes no camiño’, un espectáculo de rúa da compañía Inventi Teatro financiado polo programa ‘O teu Xacobeo’ da Xunta de Galicia.

Os protagonistas da obra de teatro son dous divertidos peregrinos de principios do século XX que percorren a ruta xacobea nun antigo autocar de época.

A partir dunha posta en escena baseada no clown, o circo, o teatro xestual e a participación do público, a peza pon en valor o patrimonio arquitectónico, cultural e natural do percorrido portugués así como a tradición e a cultura galega.

‘Comediantes no camiño’ está dirixida a todos os públicos e representarase o domingo, 28 de agosto, na Praza do Concello de Pontecesures ás 13:30 horas, no Albergue de Briallos de Portas ás 17:30 horas e na Aldea de Manselle do Concello de Dodro ás 21 horas.

‘Comediantes no camiño’ será tamén un punto de encontro e intercambio entre as persoas que se acheguen: peregrinos e peregrinas, visitantes e poboación local. Ao longo dos 50 minutos que dura o espectáculo animarase ao público a superar divertidas probas en equipo nas que terán que demostrar os seus coñecementos sobre o Camiño de Santiago.

A escenografía e os distintos obxectos que se empregan ao longo da peza son materiais reutilizados aos que Inventi Teatro deu unha segunda vida: un camión vello que volve funcionar, maletas antigas atopadas nos faiados, roupa en desuso, botellas e botes de cristal… Ao rematar a función, e para promover a reutilización e reciclaxe dos residuos, convidarase ao público asistente a coñecer de preto a escenografía.

A compañía Inventi Teatro naceu en Vigo en 2017 e especializouse en crear espectáculos de rúa dirixidos a todos os públicos. Nesta ocasión, Beatriz Campos e Marcos Alonso soben ao escenario e un nutrido equipo de persoas de diferentes disciplinas participou na produción da peza. As propostas de Inventi Teatro forman parte do catálogo de Urdime.


Está pasando!