Presentación do proxecto Xeración Sónica | Concello de Pontevedra

Pontevedra abre o prazo de solicitude de inscrición do programa municipal Xeración Sónica

15 Outubro 2025

  • Destinado a rapazada entre os 13 e os 16 anos, ten por finalidade formar e titorizar equipos para potenciar a creación musical e audiovisual
  • Terá lugar os xoves polas tardes entre novembro e xuño no Local de Música e rematará coa gravación dun disco, vídeos e concertos
  • Os mozos e mozas interesados/as poden cubrir o formulario que atoparán en apuntate.pontevedra.gal ata o 23 de outubro
  • As persoas admitidas serán contactadas a posteriormente e formalizarán a inscrición nas oficinas de Xuventude

O concelleiro de Cultura Demetrio Gómez presentou, acompañado de Violeta Mosquera e Álex Gayoso unha nova edición de Xeración Sónica “que forma parte do ciclo formativo que temos arredor do rocanrol no Concello de Pontevedra.

Empezamos co RockLab, continuamos con Xeración Sónica e logo dunha forma máis libre no Local de Música. En apuntate.pontevedra.gal quen teña interese ten un formulario ao seu dispor para participar nas audicións que se van celebrar o 30 de outubro.”

O edil aclarou que este proceso levado a cabo a través do Apúntate non é unha inscrición definitiva xa que o proxecto conta con capacidade para 30 persoas pero hai que descontar desas prazas as dos grupos que xa forman parte e continuarán este ano a súa formación.

Tal e como puntualizou na rolda Alex Gayoso, “entre a información que achegan nos formularios de solicitude de inscrición e as audicións que faremos o xoves 30 de outubro, o profesorado e titores/as que formamos parte do proxecto, facemos a selección, aínda que non é habitual que quede xente fóra”.

A Concellaría de Xuventude está detrás desta iniciativa de titorización de proxectos artísticos, musicais e audiovisuais, con carácter educativo e cultural, empregando a música como elemento de cohesión social e de inclusión.

Mozas e mozos aprenden a organizar as súas ideas e a crear en grupo para amosar as súas propostas á comunidade da que forman parte. Ao remate do curso terá lugar a gravación dun disco e dunha serie de vídeos e concertos como resultado do proceso creativo.

Violeta Mosquera salientou na súa intervención o éxito da pasada edición na que titorizaron un total de 7 proxectos, un deles xa vinculado ao Local de Música ao superar a idade de Xeración Sónica. “Foi a edición na que conseguimos pechar máis concertos, estamos moi contentos/as e intentaremos repetir e se podemos, ampliar.

Estivemos no Culturgal co grupo Rager e a participación no documental ‘Bravú XXX’, fixemos un concerto no Teatro Principal no que participaron tamén bandas do Local de Música.

Estivemos no Vira Fest, un festival organizado pola Escola de Rock de Paredes de Coura co que colaboramos desde hai anos e agardamos este ano poder repetir. Logo algunha banda desas veñen ao INCODE, onde tamén estiveron as nosas bandas.

Rager foi tamén ao festival Polas Bravas de Chantada e ao Erguer. Intentaremos que esta sexa a folla de ruta e conseguir algún concerto máis. Para o músicos é moi importante tocar en directo e poder ter estas primeiras experiencias cos compañeiros e compañeiras de grupo”

Gayoso apuntou ao bo estado do proxecto: “a cantidade de concertos denota o bo estado do proxecto musical e das bandas que viven do directo co difícil que é hoxe en día. É importante que se materialicen eses concertos e que haxa un interese máis aló do proxecto. As sinerxías que se foron creando na comunidade, na cidade e incluso máis aló como sucede cos vecinos portugueses e a Escola de Paredes de Coura.

Rager foi a primeira que tivo algún contacto máis próximo ao profesional, son un pequeño referente para as rapazas e rapaces da cidade que están interesados en facer música.

Se tes alguén ao teu lado no instituto que está a ter un pequeno impacto, sempre anima. Tamén é moi importante dar a oportunidade a mozos e mozas de crear unión para xerar un proxecto artístico. Ten unha capa de empoderamento moi importante na xuventude e máis nos tempos que estamos a vivir.

Necesitamos ser capaces de imaxinar un futuro diferente e cremos que a través da música e os proxectos comunais, é o camiño.

Está pasando!