O espazo cultural ‘O Sanatorio’ acolle a presentación do libro ‘8 Señales’, reflexións sobre a violencia de xénero

8 Novembro 2023

Co apoio de Femupo, Noelia Míguez e Patricia Calveiro presentan en Pontevedra un libro que busca educar e prever a violencia machista


Este venres, 10 de novembro ás 20:00 horas, no espazo cultural ‘O Sanatorio’ (Andrés Muruais 7-9, Pontevedra), terá lugar a presentación da obra literaria ‘8 Señales’, escrita por Noelia Míguez e a xornalista Patricia Calveiro. Unha cita ineludible na que se abordará unha temática tan relevante como é a violencia de xénero, dende unha perspectiva íntima e reveladora.

Esta obra chega á cidade do Lérez da man da Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (Femupo), organización que promove esta presentación como parte das súas actividades de defensa dos dereitos das mulleres e de loita contra as violencias machistas.

‘8 Señales’ é un testemuño valente e sincero que busca axudar a quen o lea a recoñecer e afrontar situacións de violencia de xénero.



Raquel Touriño, presidenta de Femupo, destaca a importancia de dar voz ás vítimas de violencia de xénero, subliñando que “é esencial recoñecer, denunciar e combater esta lacra social. A vivencia de Noelia e a pluma de Patricia son un exemplo de resistencia e coraxe, e súmase ao noso obxectivo de visibilizar e combater a violencia machista”. Touriño remarcou a necesidade de abordar estas realidades, non só para apoiar ás vítimas, senón tamén para educar e previr futuros casos.

Femupo convida á cidadanía a asistir a esta presentación, unha oportunidade para reflexionar, aprender e, sobre todo, para unirnos contra a violencia de xénero.

Está pasando!