Presentación da primeira Copa Galega de Escalada de Dificultade en idade escolar | Concello de Pontevedra

Pontevedra acolle a primeira Copa Galega de Escalada de Dificultade en idade escolar

25 Abril 2025

O Concello de Pontevedra lembra a importancia do apoio ao deporte a través dunha competición que se celebrará o vindeiro domingo, 27 de abril


A concelleira de Deportes en Pontevedra, Anabel Gulías, anunciou hoxe a celebración da primeira Copa Galega de Escalada de Dificultade en idade escolar, un evento pioneiro que terá lugar este próximo domingo, 27 de abril.

Segundo a edil, esta iniciativa reflicte a boa saúde dos clubs deportivos asentados en Pontevedra, destacando o aniversario do Clube Aromón, que cumpre 35 anos de actividade. A concelleira subliñou a importancia da organización de diversas actividades que achegan diferentes especialidades deportivas á cidadanía, como neste caso a escalada.

«Coido que podemos dar a coñecer máis este deporte para que a xente se achegue e se anime a practicalo», afirmou Gulías, lembrando as palabras de Ruth Lorenzo: «non hai deportes minoritarios, hai deportes con menos repercusión mediática. A escalada é unha excelente práctica deportiva, un exemplo de traballo en equipo e de loita pola igualdade».



A Copa Galega de Escalada de Dificultade en idade escolar contará con categorías desde nenos de 7 anos até 17, distribuídas en cinco categorías femininas e cinco masculinas. A particularidade desta proba é que se trata de escalada deportiva de dificultade con corda, unha modalidade que xa é deporte olímpico de maneira individual.

Desde o Clube Aromón manifestaron o seu encanto por traballar na promoción da escalada, que consideran a súa paixón, recoñecendo «a importancia de contar co apoio de institucións como o Concello de Pontevedra».

Pola súa banda, o vicepresidente da Federación Galega de Montaña, Fernando Fernández, expresou o seu pracer á hora de apoiar esta proba, tanto economicamente como en temas de árbitros e equipadores, reafirmando o compromiso da federación con Pontevedra, destacando tamén o apoio da Boa Vila á escalada de base, de promoción e de competición.

Até 120 participantes pertencentes a clubs de toda Galicia, ademais da presenza dun club de Portugal e outro de Xixón (Estremadura), achegaranse a Pontevedra.

Está pasando!