Pontevedra acollerá este venres 17 unha xornada lúdica para fomentar a autonomia infantil como parte da campaña europea ‘Street for Kids’

15 Outubro 2025

A concelleira de Protección e Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, e o edil de Educación, Demetrio Gómez, presentaron a xornada lúdica que Pontevedra acollerá este venres 17 de outubro como parte da campaña europea ‘Street for Kids’.

Trátase dunha iniciativa promovida pola entidade Clean Cities, que agrupa a máis de 80 colectivos sociais co obxectivo de defender unha mobilidade activa e un medio urbano máis habitable e sustentábel. A participación da cidade foi solicitada a través da Asociación ConBici.

Vilaverde destacou que a filosofía da campaña encaixa perfectamente coa visión do espazo público e a autonomía dos nenos e nenas que se defende na cidade, e que se leva anos desenvolvendo. A campaña céntrase en reivindicar a existencia de máis rúas escolares, pechando máis vías arredor dos colexios para que a infancia ocupe o espazo público e se sinta segura.

“Afortunadamente, aquí en Pontevedra contamos con bastante vantaxe porque son moitos os anos que levamos traballando nas contornas dos centros escolares, pechando rúas para as crianzas” explicou Vilaverde. A concelleira sinalou que a xornada servirá unha vez máis para demostrar que, para que unha cidade estea viva, os nenos e as nenas deben estar na rúa, confirmando que Pontevedra non só está viva, senón que é unha cidade vivible.

Esta actividade, aínda que parte da concellería de Protección Cidadá, realízase en tándem coa de Educación, xa que “a mellor maneira de chegar ás crianzas é a través das escolas, o profesorado e as familias”.

Así, Demetrio Gómez subliñou que esta colaboración virou nunha “oportunidade sensacional” para traballar elementos característicos de Pontevedra, como a ocupación segura da rúa por parte dos menores. Fixo referencia ademais á campaña de Tonucci, ‘Eu saio xogar’, destacando que as rúas son para que os nenos xoguen, vaian con seguridade ou fagan recados.

O concelleiro de Educación indicou que a xornada está deseñada como reflexión e aprendizaxe tanto para os nenos e nenas coma para as súas familias. Gómez fixo un chamamento aos pais e nais a exercer a súa responsabilidade para que os seus fillos e fillas poidan converterse en persoas adultas autónomas, capaces e críticas.

“Temos que pedirlle ás nais e aos pais un pouquiño de responsabilidade (…). Parecíanos que esta era unha oportunidade extraordinaria, porque temos unha cidade segura, unhas rúas seguras e ademais unhas rúas pensadas para que os nenos e as nenas gocen delas,” asegurou.

A xornada comezará ás 17:00 horas na Praza da Ferraría. A participación está limitada ás 25 primeiras familias que se apunten na páxina web apuntate.pontevedra.gal.

O percorrido iniciarase de forma lúdica. O primeiro paso será saír pola Rúa San Román e deixar aos pais e nais nunha “gardería de pais e de nais”. Mentres os pais e nais reflexionan e traballan en actividades deseñadas para eles sobre a súa responsabilidade e a necesidade de superar os medos para fomentar a autonomía, os nenos e nenas marcharán a facer o seu “traballo”: xogar en Pontevedra.

Os menores realizarán un percorrido con dinámicas para aprender como deben andar sós polas rúas seguras de Pontevedra. O punto intermedio será a Praza de Barcelos, onde haberá xogos e os propios nenos e nenas farán unha difusión desta xornada entre os adultos e outros menores presentes.

A actividade concluirá cando os nenos recollan aos seus proxenitores da gardería para xuntar outra vez a toda a familia. O peche final terá lugar na Praza da Ferraría cunha dinámica conxunta: a creación do logo de Clean Cities Pontevedra, que será fotografado desde o aire cun dron.

Está pasando!