Pontevedra acollerá o 15 e 16 de novembro as xornadas ‘O esquecemento de hoxe’ que analizarán o tratamento da memoria na actualidade
4 Novembro 2024
- A escritoria especializada en memoria e coordinadora do programa, Montse Fajardo, Yslem, fillo do deserto, o arqueólogo Xurxo Ayán, ou a historiadora Sabela L. Pato serán entre outros os encargados das palestras que terán lugar no centro social do Gorgullón
- O recoñecemento ás patronatas, a situación do pobo saharaui, as redes sociais como canle de transmisión da ideas franquistas ou a revogación das leis de memoria, etc. serán algunhas das cuestións abordadas na tarde do venres e a mañá do sábado
- O acceso aos relatorios será de balde ata completar cabida mais terán prioridades as persoas que formalicen a inscrición a través do formulario xa habilitado en apuntate.pontevedra.gal
O edil Demetrio Gómez, acompañado da responsable do programa, a xornalista e escritora Montse Fajardo, presentou as xornadas de memoria “O esquecemento de hoxe”. Terán lugar no Centro Social do Gorgullón o venres 15 e o sábado 16 de novembro e as inscricións de balde están xa habilitadas en apuntate.pontevedra.gal
Demetrio salientaba que “vai comezar o mes da memoria, que sabedes que en Pontevedra gústanos traballar sobre ela e dentro deste mes da memoria traemos as xornadas “O esquecemento de hoxe” que terán lugar no Centro Social do Gorgullón os días 15 e 16 de novembro. Montse Fajardo que é que realmente preparou este programa, centrouse no esquecemento. Parece que na memoria está todo estudado e levemos moitos anos dándolle voltas, pero quedan moitísimos temas por traballar, moitísimos asuntos que aínda hoxe en días permanecen esquecidos. Hai que marcar unhas liñas de traballo de cara ao futuro. Gustounos este oxímoron: no mes da memoria traballar sobre o esquecemento porque precisamentre procuramos traballar mirando cara o futuro e porque en Pontevedra o tema que máis nos interesa é o que nos queda por facer”.
Antes de ceder a palabra á coordinadora das xornadas, Demetrio quixo salientar “o traballo que realizou Fajardo para reunir a toda esta nómina de autores relacionados co traballo que queda por diante” e quixo tamén presentar a primeira das conferencias que “será a cargo de Montse Fajardo que vai falar sobre o Patronato de protección a la mujer que é a institución fascista que máis tempo sobrevivíu á norte do dictador. Sobre este asunto versa o último libro de Montse, que aínda non saíu do prelo, e polo tanto é un avance moi interesantes sobre algo no que poderemos afondar nos vindeiros meses e sobre o que se necesita aínda moitísimo traballo”.
Pola súa banda Fajardo afirmaba que “queriamos facer unhas xornadas de memoria aquí en Pontevedra que é un referentes en todo o país. Cando vou a utros sitio sempre hai esa referencia cara Pontevedra. O 12 de novembro é o día da memoria na cidade e quixemos traer a memoria ao presente. Queremos reivindicar a memoria non como un acto nostálxico, senón como unha ferramenta imprescindible para construír unha sociedade máis democrática. Poñemos o foco en temas que pese a levar medio século de democracia, aínda están pendentes. É o caso do recoñecemento ás patronatas, a a todas esas mozas que pasaron entre os 16 e os 25 anos ingresadas en institucións relixiosas porque o seu comportamento ou moralidade non encaixaba nese abafante corsé franquista ou ben porque estaban pagando o comportamento doutras persoas. En torno ao Patronato hai todo un silencio que afectou as mulleres que nso parece moi importante sacar á luz”.
Montse Fajardo é autora do primeiro traballo que estudou a implantación do organismo en toda Galiza, “Caídas”, que recibiu o premio Xohana Torres do Concello de Santiago de Compostela neste 2024.
A continuación desta primeira palestra na tarde do venres, será a quenda de escoitar o testemuño de Yslem Moh Salem Nafaa, artista coñecido como “Yslem fillo do deserto”, que falará da postura do Estado Español fronte ao pobo saharaui. Yslem é saharaui mais pasou parte da adolescencia na Galiza, logo de participar no programa ‘Vacacións en Paz’, e desde hai anos é un importante activista na defensa dos dereito do seu pobo. A xornada do venres conclúe cunha charla sobre a utilización das redes sociais para transmitir á xente moza ideas fascistas. Será a cargo do sociólogo experto na materia, Iago Moreno.
Outra das materias que seguen pendentes malia ter pasado case medio século desde a morte do ditador, é a existencia de cadáveres enterrados en foxas ou o descoñecemento sobre o papel da guerrilla na loita antifranquista, dende un punto de vista arqueolóxico. Por iso, a primeira das conferencias do sábado abordará, entre outras temáticas agochadas baixo un manto de esquecemento, a importancia das exhumacións e o traballo feito e pendente no país da man do arqueólogo Xurxo Ayán.
A historiadora galega Sabela L. Pato analizará o tratamento que desde o punto de vista museístico se lle dá no país aos obxectos relacionados coa memoria, ou máis ben, á ausencia de calquera tipo de política para protexelos como se debe.
A última cuestión a abordar será a revogación das leis de memoria nas Comunidades Autónomas con presenza nos gobernos da ultradereita e o desleixo cara a memoria de gobernos de dereitas como o da Xunta de Galicia, que impediu no seu momento que saira adiante a proposta do BNG. Para iso as xornadas contarán con Lourenzo Fernández Prieto, reponsábel do proxecto Nomes e Voces da USC.
As xornadas serán de balde e abertas ao público en xeral mais por cuestións de aforo váiselles dar prioridade ás persoas que formalicen a súa inscrición en apuntate.pontevedra.gal
PROGRAMA
Venres, 15 de novembro de 2024
- 16:15 h. Inauguración a cargo das autoridades.
- 16:30 h. A historia agochada do Patronato de Protección a la Mujer e a súa implantación na Galiza. Montse Fajardo Pérez, xornalista e escritora.
- 17:30 h. O Sáhara: Un pobo esquecido: Yslem, fillo do deserto, músico e activista.
- Pausa.
- 19:00 h. A ultradereita bota a rede á mocidade: Iago Moreno, sociólogo experto en redes.
Sábado, 16 de novembro de 2024
- 10.00 h. “Oito carreiros de memoria por desbrozar”: Xurxo Ayán, arqueólogo.
- 11.00 h. “Sen oco para a memoria”: Sabela L. Pato, historiadora.
- Pausa.
- 12:30 h. Charla de clausura: “Leis de memoria: Límites políticos e problemas historiográficos”: Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea e coordinador do proxecto interuniversitario “Nomes e Voces”.
- 13:30 h. Clausura de las jornadas.
RELATORES/AS
Montse Fajardo. Xornalista e escritora especializada en memoria histórica con perspectiva de xénero, vén de conseguir o pasado marzo o premio Xohana Torres polo seu estudo sobre a implantación do Patronato de Protección a la Mujer na Galiza, do que falará nas xornadas, e no 2023 o premio da SELIC por outro estudo con perspectiva de xénero, o das mulleres encerradas no psiquiátrico de Conxo durante o franquismo. Entre 2014 e 2021 coordinou o programa “A memoria das mulleres” do Concello de Pontevedra e entre ese ano e o 2023 foi a técnica do departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra.
Yslem, fillo do deserto. Yslem Moh Salem Nafaa é un rapeiro nacido nos campamentos saharauis de Tinduf mais actualmente vive no estado español. De neno viaxou a Italia e logo a Castela ou Euskal Herria a través do proxecto Vacacións en paz pero acabou asentándose na Galiza coa familia de acollida da súa irmá xemelga, e tras pasar a adolescencia en Mos, comezou os seus estudos de educación social. As letras das súas cancións falan “de resistencia, de loita e de autodeterminación. Da necesidade de romper o muro de silencio e a indiferenza”. Yslem denuncia reiteradamente a responsabilidade do estado español na cuestión do Sáhara e o seu sometemento a Marrocos.
Iago Moreno é sociólogo. Graduouse con distinción na Universidade de Cambridge no Reino Unido e ten un master en filosofía na mesma institución. Analista e divulgador especializouse na desinformación virtual e as consecuencias politicas da dixitalización na esfera pública e colaborou con medios como Contexto, RNE ou a SER, ademais de participar en documentais como La xarxa ultra.
Xurxo Ayán. Doutor en arqueoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, foi investigador do Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, do CSIC e da Universidade de Euskadi. A partir de 2016 especializouse na arqueoloxía da guerrilla antifranquista na península ibérica con campañas de escavación en escenarios de resistencia armada contra as ditaduras de Franco e Salazar, campos de concentración e campos de batalla da guerra civil española, ademais de dirixir varias exhumacións de foxas. Desde 2019 está vinculado á Universidade de Lisboa.
Sabela L. Pato. Licenciada en Historia da Arte pola USC, entre as múltiples exposicións das que foi comisaria está Fóra dos museos que incluía pezas históricas relacionadas coa represión franquista no Galiza, entre elas balas atopadas nas inmediacións da azucareira de Padrón, o que a levou a estudar as condicións en que se atopaban no país os obxectos relacionados con esta etapa histórica, a súa musealización ou mais ben, a ausencia desta.
Lourenzo Fernández Prieto. Catedrático de Historia Contemporánea da USC, foi o máximo responsábel do proxecto Nomes e Voces que a universidade compostelá puxo en marcha a instancias da Xunta de Galicia durante a etapa do bipartito, co fin de crear unha base de datos sobre as vítimas da ditadura no país e tamén lidera Histagra, o grupo de Historia Agraria e Política do mundo rural, é director científico do CISPAC (Centro de Investigación Universitario das Paisaxes Atlánticas Culturais) das tres universidades galegas e presidente da Sociedade de Estudios de Historia Agraria (SEHA).