Presentación do Campionato Galego Xunta de Galicia Infantil Verán | © Concello de Pontevedra

Pontevedra agarda o comezo do Campionato Galego Infantil de Natación que se celebrará nas instalacións deportivas Rías do Sur

25 Xuño 2024

Case 200 nadadores e nadadoras, futuras promesas da natación nacional, daranse cita esta fin de semana na Boa Vila, entre o 28 e o 29 de xuño


A edil de Deportes do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías, participou na presentación deste martes, 25 de xuño, do Campionato Galego Xunta de Galicia Infantil Verán. Trátase dun evento deportivo que se desenvolverá no complexo deportivo Rías do Sur, entre os días 28 e 29 de xuño.

«Estamos realmente contentas de que as instalacións Rías do Sur continúe a ser unha referencia e continúe atraendo deporte e campionatos», indicou a concelleira. «É impresionante comprobar sempre o movemento que se xera en Ponte Muíños cando hai un campionato ou unha cita desta clase, enchendo de vida toda a zona».

Acompañando a Anabel Gulías estiveron, Serafín Piñeiro, Presidente da Fundación Rías Do Sur; Alberto Castro, Presidente do Club Natación Galaico; Juan Carlos Brión, Presidente da Federación Galega de Natación e Santiago Ferrer, Coordinador de deporte escolar en Pontevedra.



O campionato galego de natación contará co CN Galaico na organización, e achegará preto de 200 nadadores e nadadoras, promesas de futuro, até as piscinas pontevedresas. Desde a Federación Galega de Natación transmitiuse a felicidade que lle provoca ter este evento na Boa Vila, agradecendo a colaboración institucional para que sexa posíbel.

O campionato vivirá o seu inicio ás 10.30 horas do sábado (17.00 horas pola tarde), namentres o domingo ás 10.00 horas (16.30 horas pola tarde). A entrada para o público é libre.

Desde o CN Galaico, a través do seu presidente Alberto Castro, indicaron que este torneo funcionará como un fin de festa tremendo para o curso académico dos rapaces e das rapaces participantes, agardando «que gocen da cita e das instalacións de Pontevedra».

Está pasando!