Pontevedra aposta pola cultura e o humor para as vacacións de Semana Santa

18 Marzo 2021

Coa finalidade de proporcionar ao público alternativas de lecer, seguras e sen saír da cidade, o Concello de Pontevedra programou de cara ás vacacións de Semana Santa 2 espectáculos que contarán co humor como denominador común.

A primeira proposta que chegará o sábado 27 ás 20:00 horas no Principal vén da man da compañía belga Okidok, un dos grupos máis sorprendentes e creativos do clown europeo actual que renovou o panorama o xénero a nivel internacional cun traballo puro e de calidade. En ‘Slips inside’ descubriremos con Xavier Bouvier e Benoît Devos (dirección e elenco) a Pierrot e Marcel.

Pierrot e Marcel teñen corpos de fantasía, corpos de estrelas. Musculosos, elegantes, hábiles, multifacéticos e moi conscientes de tódalas súas incribles cualidades, lánzanse nunha gran demostración dos seus talentos. E Deus sabe que teñen moitos!

Talento en estado puro, o mellor da acrobacia, a esencia do mimo, a beleza da danza; resumindo, a poesía bruta dos anos gloriosos do music-hall. Unha hora de risas, sen palabras e sen parada. Un dos espectáculos máis divertidos dos últimos anos.

As entradas están xa a venda online (ata esgotarse ou 5 minutos antes do comezo da función) en Ataquilla.com a un prezo de 12,00 € + gastos (10 para Carné Xove, desempregados e maiores de 65). Na billeteira física do Principal, de non esgotarse, dende dúas horas antes do inicio.



Con pase o mércores 31 de marzo e o xoves 1 de abril, ambos ás 20:00 horas no Principal, chegará ’32 m2 de ButacaZero. Creado e dirixido por Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas, baseado no confinamento que vivimos, conta con Xurxo Cortázar e Nuria Gullón no seu elenco e música de Rodrigo Cuevas.

Xan e Mar viven tranquilamente a súa vida antisistema no seu pequeno piso de 32m2. Mar traballa todo o día fóra da casa e Xan limpa, cociña, frega, vai ao supermercado, e, de tanto en tanto, le o seu xornal favorito: un do 2003. Pero un día, o mundo esmendréllase.

Xan fica atrancado na claraboia e no supermercado non hai papel hixiénico. A xente di que é todo culpa dun Virus. Pero quen se fía da xente? É todo tan raro que non lles queda máis remedio que poñer a tele, agochada quen sabe onde dende quen sabe cando. Nada máis prendela, o Presidente dá unha nova inclasificable: está prohibido ir a traballar. Mar non dá creto: por fin un Presidente que entende á clase traballadora! Xan non dá creto: dende cando á súa muller lle gusta o que di o Presidente? E sobre todo: por que agora lle gusta o Presidente?

Así arranca esta peza de teatro do absurdo: do absurdo no que comezamos a vivir no mes de marzo de 2020 que cambiou as nosas vidas xa para sempre. Un absurdo no que as Curvas, o Medo e a Morte ocupan cada vez máis espazo entre as paredes das nosas vidas.

’32m2 é un enredo co que todo o público se poderá sentir identificado, pois “todos mercamos un chisco máis de papel hixiénico do habitual , todas aplaudimos puntuais ás 20:00 horas, e finalmente acabamos por descubrir a merda que tiñamos debaixo das propias alfombras”, apunta a dirección.

As entradas están xa a venda online (ata esgotarse ou 5 minutos antes do comezo da función) en Ataquilla.com a un prezo único de 12,00 € + gastos. Na billeteira física do Principal, de non esgotarse, dende dúas horas antes do inicio.


Está pasando!