Pontevedra, capital do videoxogo e da cultura friqui esta fin de semana

25 Agosto 2023

  • O Recinto Feiral será a sede os próximos días 26 e 27 de agosto do salón de videoxogos “Lérez Up” cunha programación chea de actividades, dende torneos e charlas ata talleres, concertos de música inspirados en bandas sonoras de videoxogos, anime, películas, etc. e unha ampla oferta de postos de artesanía e deseño
  • Para os cativos da casa, haberá talleres infantís de Hama Beads onde facer a túa propia figura con contas de cores, e diversas actividades lúdicas, como o xenga xixante, coches de radiocontrol e Candy Crush manual

A segunda edición da Lérez Up está preparada para o seu comezo nesta fin de semana. O interior do Recinto Feiral de Pontevedra será a sede dun evento que pon en valor a cultura friqui e o videoxogo a través de ducias de actividades para todos os públicos e que agarda a visita de máis de tres mil persoas, segundo as estimacións iniciais —o ano pasado superou esta cifra ao longo das dúas xornadas—.

Así, Lérez Up promete ser unha cita para todos os públicos e idades. Os afeccionados ó arte contarán con charlas no Escenario Secundario sobre ilustración e artesanía e dous talleres: un de Cómic da man de Paula Cheshire (para maiores de 12 anos); e outro de Deseño de personaxes impartido por Umi e Lea.



Para os cativos da casa, haberá talleres infantís de Hama Beads onde facer a túa propia figura con contas de cores, e diversas actividades lúdicas, como o xenga xixante, coches de radiocontrol e Candy Crush manual, na zona de Ocionautas; ademais como unha zona dedicada con material para pintar o cartel do evento e levalo a casa.

Nas zonas de consolas e PCs haberá unha chea de torneos para todos os gustos, dende xogos familiares como Mario Kart 8 ou Switch Sports, así como xogos de loita como Tekken 8, Dragon Ball Fighter Z ou o recente estreado Street Fighter 6.

No salón de actos do Recinto Feiral se poderá gozar de dúas actuacións musicais da man de Freak GZM, o sábado 26 ás 15:00 horas, e Yell0, o domingo 27 ás 16:00 horas. Neste mesmo espazo tamén se realizará o concurso de cosplay, cun xurado profesional que tamén impartirá charlas sobre o mundo do disfrace e caracterización.

Está pasando!