Pontevedra celebra o Día da Narración Oral reivindicando a cultura ao vivo

15 Marzo 2021

  • O 20 de marzo no Teatro Principal terá lugar un espectáculo para público familiar no que participarán Pavís Pavós, Migallas, Baobab e Polo correo do vento
  • A entrada será de balde previa solicitude na páxina web de Ataquilla

“Nun ano tan complicado para a Cultura e tan complicadísimo para a Cultura ao vivo, foi un ano especialmente difícil para todas aquelas persoas que se dedican á narración oral en Galiza e desde o Concello queremos contribuír con esta actividade a reivindicar a cultura segura, a cultura viva, e a narración oral” asegurou esta mañá a concelleira de Dinamización Sociocultural, Carme da Silva, durante a presentación do espectáculo para conmemorar o Día da Narración Oral. A concelleira estivo acompañada por Xacobe Rodríguez, integrante de Pavís Pavós, grupo organizador do evento.

O espectáculo terá lugar o propio Día da Narración Oral, o sábado 20 de marzo ás 12h no Teatro Principal, e actuarán os grupos Pavís Pavós, Migallas, Baobab e Polo correo do vento. O aforo do Teatro estará limitado segundo as normas sanitarias vixentes e as persoas que desexen asistir deben retirar o convite a través de Ataquilla.com

Xacobe Rodríguez indicou que a celebración desta efeméride chega en colaboración con outros colectivos como o Festival Atlántica e o Colectivo de Narración Oral de Galicia NOGA, que organizan actos en varias localidades galegas nas que participan máis de 20 contadores e contadoras. Tamén explicou que o Día da Narración Oral é relativamente recente, posto que comezou a celebrarse en 1991 en Suecia con sesións de contadas por todo o país, e a partires de entón se foi estendendo ata celebrarse actualmente en case todo o mundo. Xacobe Rodríguez salientou a importancia da tradición oral en todas as culturas e nomeadamente na cultura galega que, con motivo do Día da Narración Oral deste ano, desde a organización se pon en valor coa difusión dun manifesto da autoría da escritora e académica pontevedresa Fina Casalderrey.

No ámbito da narración oral, Carme da Silva tamén se referiu ao evento Sete Falares que se ven celebrando desde o ano 1992 e que en 2020 tivo que ser suspendido por mor da pandemia, asegurando que “comezamos con esta actividade o 20 de marzo a reivindicar novamente a necesidade da narración oral e xa podemos anunciar que este ano si se vai celebrar Sete Falares coas condiciónsde seguridade que neses momento haxa que facer”.



Está pasando!