Pontevedra celebra o Día de Rosalía de Castro cunha lectura colectiva de textos de ‘Cantares gallegos’ e ‘Follas novas’

12 Febreiro 2026

  • O acto, aberto á cidadanía, terá lugar o vindeiro luns 23 ás 19 horas na Fundación Manuel Moldes
  • As persoas interesadas en participar activamente da lectura de poemas poden seleccionar o texto a través do formulario activo en apuntate.pontevedra.gal
  • Contará coa lectura do manifesto da AELG da man de Alicia Fernández Rodríguez, acompañamento musical de docentes do CMUS Manuel Quiroga e ambientación a cargo de ALTAR

O concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez presentou esta mañá a celebración do Día de Rosalía que terá lugar o vindeiro luns 23 de febreiro ás 19 horas na Fundación Manuel Moldes.

“Queremos facelo do mellor xeito posíbel, cunha lectura de ‘Follas novas’ e ‘Cantares gallegos’, cos que Rosalía inaugurou a Literatura Galega contemporánea. Demostrou a lingua galega era válida para escribir sobre calquera tema, en prosa e máis en verso e facelo desde a perspectiva da voz das mulleres”, apuntou o edil.

Non quixo deixar de agradecer as colaboracións que farán posible este evento “en primeiro lugar a Fundación Moldes, que acollerá a lectura de poemas na súa sede de Javier Puig. Tamén estará presente AELG, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega: contaremos coa autora Alicia Fernández Rodríguez será a mantedora do acto e lerá o manifesto da AELG, que este ano redactou Eva Veiga a partir do lema escollido pola RAG para este 2026: ‘Mais eles tamén perdidos’, un verso e ‘Follas novas’. Un manifesto espectacular a partir destes versos de Rosalía, explicando a situación do mundo actual para que vexamos como Rosalía está de completa actualidade”.

Participarán tamén no acto, ambientado por ALTAR, o CMUS Manuel Quiroga, que “leva feito traballo espectacular de recuperación de música galega de cámara do século XIX, música contemporánea de Rosalía de Castro que vai interpretar alí un quinteto formado por docentes”.

O Concello fai un chamamento a pontevedreses e pontevedresas a acudir ao evento e participar de xeito activo da lectura, escollendo a través do formulario dispoñible en apuntate.pontevedra.gal, un fragmento da obra da poeta.

O cartel destinado á difusión do evento conta coa ilustración que Belén Diz creou para a mostra de Normalización Lingüística, ‘Rosalía coma ti’.

Está pasando!