Pontevedra celebra o Día Internacional da Narración Oral contando e vivindo historias desde o interior de Santa Clara

15 Marzo 2022

  • Cándido Pazó e Quico Cadaval farán de narradores desde a antiga igrexa do convento nunha cita destinada a público adulto que terá o seu contrapunto pola mañá, dentro do Salón do Libro no pazo da Cultura con Bea Campos, Pavís Pavós, Polo Correo do Vento e Raquel Queizás
  • O evento dentro do novo espazo municipal, por mor das limitacións do aforo, precisa de inscrición previa na web oficial do Concello https://apuntate.pontevedra.gal/

«A quen non lle presta escoitar unha boa historia?». Son palabras da concelleira de Festas, Carme de Silva, que este martes, 15 de marzo, presentou o programa preparado polo Concello de Pontevedra para celebrar o Día Internacional da Narración Oral 2022, que terá lugar este vindeiro 20 de marzo, domingo.

Aos poucos que nos achegamos á primavera, a área de Festas comeza a intensificar a súa programación cultural e de ocio dentro do municipio. Así, o Día Internacional da Narración Oral trae a Pontevedra unha cita que se leva promovendo desde hai uns anos na Boa Vila e que pon en valor as historias, o xeito de contalas e o interese que esperta na xente que as escoita. Este ano, amais deses pasos cara adiante que foron dados contra a pandemia, está tamén o punto de ter un novo espazo singular onde facer da oralidade un algo aínda máis especial.

«O mellor sitio para contar historias é un espazo cheo de historia como é o convento de Santa Clara. Un espazo que se une e que se abre para a toda a cidade e que logra ser o escenario ideal por conter 750 anos de historia e historias. É un lugar que cada día trae novas sorpresas, con cada visita que se realiza; e por iso que, desta vez, queremos ser nós quen lle achegue unha sorpresa á Santa Clara», explicou da Silva.

Celebrado desde o ano 91 a nivel internacional, o Día Internacional da Narración Oral festexa ese fenómeno social, familiar e cultural que é a transmisión de historias, dos coñecementos, dos mitos e das lendas que chegaron até os nosos días a través da fala e da escoita. O programa, creado en colaboración con Sete Falares, estará dividido en dúas partes temáticas distintas.

Dunha banda, o Roteiro de contos no Salón do Libro. Unha cita que terá como protagonistas a Bea Campos, Pavís Pavós, Polo Correo do Vento e Raquel Queizás, no Pazo da Cultura, ás 11.30 horas e destinado a un público familiar. Non necesita de inscrición previa e abondará acudir un tempo antes da hora sinalada para o seu comezo para poder gozar do evento. «Un evento tan importante coma o Salón do Libro é o espazo perfecto para esta celebración no sentido familiar», sinala a edil.

Doutra banda, xa o domingo pola tarde, ás 19.30 horas, serán Candido Pazó e Quico Cadaval os que contarán contos e historias desde a igrexa de Santa Clara, nun espectáculo destinado a público adulto. «Son contadores de historias perfectos para un espazo como Santa Clara, cheo de misterio e cheo de historia». A concelleira fixo fincapé na necesidade da inscrición prevista neste caso, a través da web oficial https://apuntate.pontevedra.gal/. Cun aforo máximo de 150 persoas e as características do lugar, é preciso este paso para evitar posíbeis problemas na entrada ou incumprir as medidas sanitarias do momento. Esta inscrición non ten custo algún, é de balde, e abrirá o prazo para a recollida de nomes o mércores 16 de marzo ás 15:00 horas.



A presentación deste día internacional contou tamén coa presenza de Xacobe Rodríguez, de Pavís Pavós, lembrou que «o festival Sete Falares naceu con esa idea de festexar unha celebración moi especial, que naceu en Suecia no ano 91 cando un grupo de contadores de historias decidiu conmemorar a súa vocación, lembrando esa noite de equinoccio no que agardaban a chegada da primavera contando relatos toda a noite».

«Hoxe, esta tradición logrou chegar a todo o mundo, e hoxe é xa o que chamamos un día internacional, unha festa coñecida nos cinco continentes», continuou Rodríguez. «Nós e outras asociacións e grupos sumámonos ao longo dos anos e fixemos sesións de contos simultáneos en vilas, prazas, rúas, cidades… En Pontevedra mesmo fixemos unha actuación con todos os grupos de contos para o público pontevedrés. Este ano fomos un pouco máis alá e temos programados máis de trinta actuacións no país, para este día, sendo a Boa Vila un dos lugares escollidos de novo».

«Un país que perde os seus narradores perde a súa infancia… Nós cremos que un país que perde os seus narradores perde a súa historia», sinalou o narrador. «Invitamos a todo o mundo a que asista a esta celebración, un día no que tamén aproveitamos para reivindicar, logo de dous anos tan difíciles, a necesidade e a posibilidade de seguir traballando como contadores de historias, onde moitas programacións foron suspendidas ou canceladas, e se ben aquí xa se están comezando a recuperar, noutros lugares aínda non deron ese paso de recuperación no sector e que aporte visibilidade ao sector. Esta non é unha arte menor, simplemente utiliza a palabra, algo tan importante como calquera outra ferramenta».

Está pasando!