Pontevedra celebrará o Día de Rosalía procurando a estrela que leva o seu nome no ceo nocturno

20 Febreiro 2023

Tamén está previsto un obradoiro musicado no parque de Amalia Álvarez e un recital poético ao tempo que se celebra a actividade astronómica


O Concello de Pontevedra celebrará o Día de Rosalía, o vindeiro xoves, 23 de febreiro, cunha xornada que camiñará entre a música, a divulgación científica e a cultura poética. Así a área de Normalización lingüística, dirixida polo edil Alberto Oubiña, promove dúas actividades diferentes que se desenvolverán na cidade.

Dunha banda, ás 17.30 horas, o Parque de Amalia Álvarez será o escenario para o obradoiro musicado ‘Figueiriñas que prantei’, realizado por Antón Ke e Polo Correo do Vento, e destinado a un público de crianzas de máis de tres anos.

Doutra banda, ás 20.00 horas, na avenida de Raíña Vitoria, terá lugar un recital poético da man de Estíbaliz Espinosa, que se mesturará coa busca da estrela Rosalía no Ceo coa asociación astronómica Sirio de Pontevedra e os seus telescopios. A estrela Rosalía de Castro foi nomeada no ano 2019, no mes de decembro, intre no que a estrela HD 149143, situada na constelación de Ofiuco, foi rebautizada co nome da escritora galega, pasando tamén o seu planeta asociado a chamarse Río Sar.

De chover, todas as actividades serán trasladadas ao Pazo da Cultura.

O Concello de Pontevedra procura con esta xornada participar na divulgación e posta en valor dunha figura clave para a lingua e a literatura galega como é Rosalía de Castro, cuxo impacto na cultura e sociedade do país é transversal e máis que recoñecido, chegando até os nosos días como a muller galega máis influínte e estudada da historia.


Está pasando!