Pontevedra celebrará os 200 días que faltan para a Gran Final das Series Mundiais de Triatlón cun concerto das Tanxugueiras

27 Febreiro 2023

  • A bandeira oficial do evento será izada durante un acto institucional no que participarán as diferentes administracións xunto con personalidades deportivas
  • O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, lembra que está será o evento deportivo máis grande que se fixo nunca na cidade e que pode achegar até 15.000 persoas 

O vindeiro venres, 3 de marzo, só restarán 200 días para que Pontevedra acolla a Gran Final das Series Mundiais de Triatlón, o maior evento deportivo da Galiza no ano 2023 e un dos máis importantes do Estado. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, quixo lembrar a importancia deste evento que moverá milleiros de persoas até a Boa Vila e propón un acto oficial de presentación que adiante o que está por vir.

Así, nunha semana, a praza do Concello vivirá unha xornada deportiva e musical. A bandeira da Gran Final das Series Mundiais será izada como símbolo internacional da competición que en setembro converterá a Pontevedra nun escaparate internacional da súa gastronomía, o seu patrimonio e o seu modelo de cidade e organización.


O alcalde, durante a presentación do izado da bandeira oficial | © Concello de Pontevedra

«Instalaremos un contador na páxina web do Concello que irá descontando os días que quedan até a proba de setembro», explicou o rexedor. «Vai ser un evento deportivo internacional, o máis importante que tivemos nunca e, desde logo, o máis importante do Galiza no ano 2023 e podería ser tamén do Estado. Queremos visibilizar este evento desde xa porque precisamos da máxima implicación da cidadanía de Pontevedra. É unha cita que agardamos teña un retorno enorme».

O acto do vindeiro venres consistirá na presentación oficial do evento para a cidade, dirixida por Rodrigo Vázquez —xornalista gañador do Mestre Mateo na categoría de mellor comunicador en lingua galega—. Ás 19:00 horas, Pablo Méndez ofrecerá unha performance preparada para a ocasión, para posteriormente, ás 19.30 horas, haberá un acto institucional coa participación da Xunta, a Deputación de Pontevedra e o Concello, xa que «este será un evento que beneficiará a todos os galegos». Tamén se contará coa presenza de distintas personalidades deportivas como Susana Rodríguez Gacio, actual campioa do mundo de paratriatlón, Natalia Castro Santos, Pablo Dapena ou Mónica Flores Ferreiro. 


Cartaz oficial do evento do día 3 de marzo | © Concello de Pontevedra

Logo do acto institucional, virá «o agasallo para todos os pontevedreses e pontevedresas», o concerto gratuíto das Tanxugueiras na praza do Concello. Está previsto que comece ás 20.00 horas. «Queremos trasladarlle a todo o mundo a importancia que terá este evento. Significará a promoción do deporte a todos os niveis, que terá un retorno económico inmediato e que contará cunha participación de máis de 4.000 deportistas pero que poderían ser un total de 15.000 persoas se contamos a equipos de traballo, familiares, espectadores…».

O alcalde lembrou que o Concello, xunto coa comisión organizadora do evento, tratará de estender a estancia dos deportistas durante varios días, traballando coa idea de ofrecer unha experiencia vital «que recorden sempre». Nese sentido, ofertaranse diversos paquetes turísticos que teñan como target a todos os participantes e equipos internacionais, e que poidan visitar lugares como Santiago de Compostela e diversos puntos da comarca pontevedresa, percorrer o Camiño de Santiago, ir até as Illas Atlánticas, coñecer os viños das Rías Baixas, visitar o centro de interpretación de arte rupestre de Campo Lameiro.

«Non hai cartos que poidan pagar esta promoción da cidade», indicou Lores. «Acoller un evento deste tipo, que será retransmitido a todo o mundo por TVE, que poderán seguir máis de 150 países, máis de catro horas retransmitindo imaxes de Pontevedra… Toda a xente que vén, que está por chegar notarán a pegada da cidade, témolo comprobado cando imos por aí, cando imos a outras probas e nos falan do ITU Multisport ou doutras probas que viviron aquí. Pontevedra estará á altura, non teño dubida». Ademais, o alcalde tamén anticipou a reunión cos establecementos da cidade para facer un esforzo en horarios e quendas á hora de atender a todos os visitantes, recomendando traducións de cartas ao inglés en caso de non telas e ofrecer un abanico máis amplo de horarios co fin de que lles resulte máis cómodos aos deportistas gozas da gastronomía local.

Está pasando!