© Academia da Tapa e o Pintxo

Pontevedra comeza a quecer os seus fogóns para recibir aos mellores cociñeiros de tapas de Galicia

16 Marzo 2022

  • A Concellería de Promoción Económica e a Academia da Tapa e o Pintxo abren ata o día 11 de abril o prazo de inscrición gratuíta no I Campionato de Tapas de Galicia, que se celebrará en Pontevedra durante os días 2 e 3 de maio
  • O evento terá como preámbulo, entre os días 22 de abril e 1 de maio, a I Ruta de Tapas de Galicia, coa que se lle dará a cidadanía a oportunidade de degustar nos establecementos hostaleiros participantes as creacións que levarán ao concurso

Pontevedra xa comeza a quecer os seus fogóns para recibir aos mellores cociñeiros de tapas de Galicia. A Concellería de Promoción Económica e Turismo e a Academia da Tapa e o Pintxo acaban de abrir o prazo de inscricións para que chefs das catro provincias galegas midan as súas destrezas no I Campionato de Tapas de Galicia, un evento en formato showcooking que se celebrará na cidade do Lérez durante os días 2 e 3 de maio e aberto de xeito gratuíto a todos aqueles e aquelas que desexen amosar a súa creatividade e innovación no eido da gastronomía en miniatura. Os participantes neste certame, referente da hostalería galega, optarán a máis de 3.000 euros en premios dos produtos das marcas patrocinadoras e colaboradoras.

A convocatoria está especialmente dirixida para profesionais en activo, representantes dun establecemento hostaleiro situado en A Coruña, Lugo, Ourense ou Pontevedra que dispoña de bar e teña unha oferta de pinchos ou tapas continuada ao longo do ano. O prazo de inscricións permanecerá aberto ata o día 11 abril a través do formulario habilitado na páxina web do campionato: academiadelatapa.com

Presentación do I Campionato de Tapas de Galicia | © Concello de Pontevedra

O programa da competición foi presentado este luns no Concello nun acto no que interviron a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco; o presidente da Academia da Tapa e o Pintxo, Mikel Martínez, e a responsable da firma Carta Blanca, Elena Vitoria. Tal e como subliñou a edil socialista, “este primeiro e pioneiro Campionato de Tapas de Galicia supón outro enorme paso adiante dentro do proxecto Pontevedra Capital Gastro e no noso decidido obxectivo de converter a esta cidade en Capital Española da Gastronomía (CEG) 2023”.

“Trátase dun evento gastronómico cun formato absolutamente espectacular -avanzou Yoya Blanco- no que os participantes cociñarán en tres boxes de cociña instalados sobre un escenario, por suposto cumprindo con tódalas prevencións Covid-19: emprego de mascarilla, aforo limitado, limpeza de mans, desinfección constante das cociñas e distanciamento entre os chefs. O campionato será transmitido vía streaming desde a canle de Youtube do Concello de Pontevedra, así como das redes sociais de Pontevedra Capital Gastro”.

Os cidadáns serán os primeiros en degustar as creacións do Campionato

Segundo explicou Blanco, “ademais das dúas emocionantes xornadas de competición, o evento terá como preámbulo a I Ruta de Tapas de Galicia, na que se lle dará á cidadanía a oportunidade de degustar as creacións do Campionato de Tapas”. “Do 22 de abril ao 1 de maio, as barras dos bares participantes porán a disposición do público o pincho do concurso, ofrecendo aos comensais unha nova opción de gastronomía en miniatura para desfrutar en dous ou tres bocados, cunha copa na man”, asegurou a concelleira de Promoción Económica e Turismo.

Pola súa banda, o presidente da entidade organizadora, Mikel Martínez, enfatizou que “para a Academia da Tapa e o Pintxo, que este Campionato se celebre en Pontevedra é unha honra, porque é unha cidade con grandes e recoñecidos valores turísticos e gastronómicos”. “Xuntos, imos lograr impulsar aínda máis a hostalería de Galicia, incentivando o consumo nos bares e restaurantes participantes no Campionato durante a I Ruta de Tapas de Galicia, que se converterá na festa do tapeo, para brindar cos mellores viños da terra e desfrutar da gastronomía en miniatura”, afirmou.

Así mesmo, Martínez destacou que “a misión da Academia é desenvolver e potenciar a gastronomía en miniatura, a través de proxectos relacionados co noso saber facer: formación para hostaleiras e hostaleiros, organización de eventos e promoción gastronómica de cidades”. “Sen dúbida -expresou o máximo responsable da Academia-, unha fusión que nos permitirá desfrutar de novas tapas en Pontevedra e en toda a rexión”.

O I Campionato de Tapas de Galicia – Pontevedra 2022 desenvolverase en dúas intensas e apaixonantes xornadas de talento gastronómicas, cuxo programa será o seguinte:

Luns 2 de maio

  • Comezo do I Campionato de Tapas de Galicia – 9:30 horas
  • Pausa para o café – 11:00 horas
  • Continuación do Campionato – 11:20 horas
  • Final da competición da mañá – 14:00 horas
  • Almorzo (libre) – 14:15 – 15:45 horas
  • Comezo da competición da tarde – 16:00 horas
  • Pausa para o café – 18:00 – 18:15 horas
  • Final da competición da tarde – 20:30 horas
  • Cea oficial do Campionato – 21:30 horas

Martes 3 de maio

  • Comezo do 2º día de competición – 9:30 horas
  • Pausa para o café – 11:00 horas
  • Final da última xornada de competición – 14:00 horas
  • Entrega de premios – 18:30 horas

As bases deste I Campionato de Tapas de Galicia xa poden descargarse no enlace academiadelatapa.com e todos aqueles interesados poderán obter máis información a través do teléfono 687 186 867.

Está pasando!