Pontevedra comeza este sábado coa programación especial da Semana da Peregrina

6 Agosto 2021

• Carlota Crey, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, e Bala serán as tres primeiras actuacións do programa das festas

• O pregón a cargo de Violeta Mosquera celebrarase no palco de música da alameda, ás 12:00 horas

A Semana da Peregrina xa está aquí. A programación de verán ofrecida polo Concello de Pontevedra comeza un novo capítulo coas Festas da Peregrina 2021, que supoñerán un empurrón cultural e de ocio na Boa Vila ao longo de dez días.

Con catro escenarios principais para desenvolver actividade —A praza Ferraría, a praza de España, as pistas de Campolongo e a Alameda—, Pontevedra vivirá máis dunha semana rodeada de espectáculos de primeiro nivel, tanto locais como estatais, con propostas variadas na súa forma e no seu xénero, accesibles e chamativas para toda a veciñanza.

A pregoeira das festas, Violeta Mosquera, ofrecerá o tradicional discurso de inicio das Festas no Palco da música da alameda ás 12:00 horas, acompañada do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Festas, Carme da Silva. A continuación, comezarán os pasarrúas que, ao longo do día, animarán a cidade decotío segundo avancen os días.

O primeiro día da programación especial da Peregrina contará con tres actuacións de primeiro nivel.

– Carlota Crey (21h, Praza da Ferraría) – Carlota é unha moza pontevedresa con enorme talento para a música e a súa creación. Pianista, cantante e compositora, foi medrando a nivel artístico nos últimos anos, amosando o seu traballo no YouTube e tentando facerse un oco dentro da industria musical. O concerto que ofrecerá na Ferraría é un concerto especial por partida dobre: será o primeiro dentro da programación especial e será o primeiro no que a moza pontevedresa teña un banda de apoio con ela sobre o escenario.

– Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre (22h, Praza de España) – Convertido nun dos espectáculos máis aplaudidos e potentes da nosa terra, a unión de Xabier Díaz coas Adufeiras de Salitre e xa unha marca de seu, que chama e pide ser gozada en plenitude. Logo do recoñecemento de público e crítica que lle brindou The Tambourine Man (2015), o artista coruñés continuou da man das Adufeiras en Noró (2018) e, apenas hai un ano, As Catedrais Silenciadas (2020). De novo, volven a Pontevedra cunha proposta emocionante, elevadora da música tradicional.

– Bala (22.30h, Pistas de Campolongo) – O dúo formado por Violeta e Anxela é xa un furacán musical que arrasa por onde pasa, deixando ao seu paso non destrución, senón unha incríbel admiración e interese de todo aquel que o ve. Referencias internacionais logo de xirar por Europa, Xapón, ou mesmo aparecer nun anuncio promocional na mesma Times Square de Nova Iorque a través de Spotify, Bala son unha vibrante proposta musical, de alto volume e tempo veloz.

O acceso a todos os espectáculos programados nas festas será de balde e realizarase seguindo a normativa sanitaria actual. Isto é:

– Os asistentes deberán permanecer sentados no sitio escollido en todo momento

– Do mesmo xeito, non poderán quitar a máscara e deberán manter a distancia seguridade que con antelación xa foi medida polos responsábeis do recinto habilitado

– O aforo é limitado

– Non é preciso presentar unha proba PCR ou de antíxenos na entrada

– A entrada realizarase por estrito orde de chegada, sen reservas ou tickets de ningunha clase

– Non estará permitido acceder con bebida ou comida

– Non se poderá fumar dentro da zona acoutada para o público


Descarga o Programa das Festas da Peregrina 2021 ☟

Está pasando!