Traballos de restauración no Recinto Feiral | © Concello de Pontevedra

Pontevedra conta os días para acoller unha Feira Franca que promete ser «a máis grande de todos os tempos»

18 Agosto 2023

O alcalde visitou esta mañá os traballos de preparación e mantemento que a empresa Paspallás está a realizar no Recinto Feiral, repintando lonas ou restaurando elementos decorativo


O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou onte os traballos de restauración e que se están levando a cabo dos elementos que compoñen a escenografía da Feira Franca na cidade de Pontevedra, e que a empresa Paspallás se encarga de crear ou devolverlle a vitalidade froito do desgaste.

Acompañado do edil de Festas, Demetrio Gómez, o rexedor comprobou como os traballos están xa moi avanzados e entre hoxe e mañá deberían quedar finalizados, restando a súa instalación durante os días antes do comezo da cita medieval, que este ano se iniciará o venres 1 de setembro.

«Hoxe quixemos poñer en valor ese traballo que non se ve, pero que en realidade é moitísimo traballo», sinalou o alcalde. «Preparar xornadas como Feira Franca supón un enorme esforzo a moitos niveis e en moitos eidos. Tódolos anos hai que facer labores de mantemento, o que inclúe repintar, montar e recuperar toda a decoración que se instala na zona monumental e na alameda para que a xente viva o máis parecido a unha festa dos tempos do medievo».

Estes traballos van desde o pintado de novas lonas, a creación de pedras ou a restauración dos enormes dragóns que tantas fotos provocan durante os dous días que dura a Feira Franca. «En canto pasen as Festas da Peregrina comezará a instalación», indicou.

O alcalde comentou que «esta vai ser a Feira Franca máis grande de todos os tempos», tomando como referencia os datos de solicitudes (que superaron aos de anos anteriores) para ceas, xantares e postos de artesanía; amais da cantidade de xente que este verán e nestes días en concreto se percibe na rúa.

Lores quixo agradecer o traballo das empresas pontevedresas que fan posíbel estes labores de preparación e lembrou que este «verán cultural durará máis que nunca», en referencia á Gran Final das Series Mundiais que se celebrará tamén no mes de setembro e prolongará as festas do verán até os últimos días do mes, coa chegada de máis de dez milleiros de persoas a Pontevedra.

Está pasando!