Pontevedra converterase do 27 ao 30 de setembro na capital europea do espírito placemaking

20 Setembro 2022

  • O Teatro Principal, Santa Clara, o Teucro, a avenida de Santa María, a Casa das Campás e o Museo de Pontevedra serán as sedes que acollerán as múltiples actividades da Placemaking Week Europe Pontevedra e que abranguen conferencias maxistrais, exposicións de paneis, presentacións, obradoiros, grupos de discusión, xogos, música, encontros nas rúas…
  • Setenta relatores internacionais explicarán as súas experiencias e a súa visión sobre o futuro das cidades
  • A última xornada, a do venres 30, empregará o modelo de Pontevedra como base de aprendizaxe

Pontevedra converterase do 27 ao 30 de setembro na capital europea do espírito placemaking. Arquitectos, urbanistas, sociólogos, políticos, economistas, activistas…, máis de 400 profesionais de diversos eidos e procedentes de medio centenar de países acudirán á cidade do Lérez a compartir experiencias e buscar solucións creativas e participativas para as cidades do futuro.

O Teatro Principal, Santa Clara, o Teucro, a avenida de Santa María, a Casa das Campás e o Museo de Pontevedra son as sedes que acollerán as múltiples actividades da Placemaking Week Europe Pontevedra e que abranguen, entre outras, doce conferencias maxistrais, exposicións de paneis, presentacións, obradoiros, grupos de discusión, xogos, música, encontros nas rúas…

Durante catro días de intensas actividades, os placemakers escoitarán charlas inspiradoras, compartirán boas prácticas, adquirirán novos coñecementos en talleres interactivos, acelerarán novos proxectos e valeranse das achegas do placemaking para a creación de mellores cidades.

Ademais, dedicarán unha parte do programa a aprender e traballar con retos locais na cidade de Pontevedra, probando, adaptando e implementado ferramentas de placemaking para un uso futuro. E todo isto, reflexionando e actuando sobre catro temas clave: Economía creativa e da innovación; Burocracia creativa; Placemaking verde e azul; e Desenvolvemento a escala humana para espazos públicos prósperos e resilientes.


© Concello de Pontevedra

Relatores destacados

Entre os 70 relatores internacionais que explicarán as súas experiencias e a súa visión sobre o futuro das cidades e o placemaking figuran responsables de concellos e de planificación urbana, activistas e profesionais do sector privado que orixinaron movementos e eventos urbanos innovadores e profesionais da investigación e da comunicación que axudan a concienciar sobre como o placemaking pode crear cidades máis sas, equitativas e resilientes en Europa e no resto do mundo.

Entre eles destacan Anuela Ristani, tenente de alcalde de Tirana (Albania); Carmen Mays, consultora en desenvolvemento económico e comunitario e fundadora e CEO de Elevators; Cecilia Vaca Jones, consultora en desenvolvemento económico e comunitario da Fundación Bernard van Leer; Charles Landry, autor e asesor internacional en cidades creativas; David Partridge, urbanista, arquitecto y presidente de Related Argent; David Sim, arquitecto e autor do concepto de cidade amable (Soft City); Demetrio Scopelliti, arquitecto, asesor de deseño urbano e director da Axencia de Mobilidade, Ambiente e Territorio de Milán (AMAT); Giselle Sebag, arquitecta, urbanista e directora executiva da Sociedade Internacional de Saúde Urbana (International Society for Urban Health, ISUH); Jan Kattein, arquitecto, profesor e director de Jan Kattein Architects; Jia Ping Lee, rejuvenecedora urbana e consultora de lugares, fundadora de Pollin8; ou Magdalena Kubecka, investigadora urbana, placemaker, educadora e vicepresidenta da Fundación On-site.

Tamén está confirmada a asistencia de Marion Waller, filósofa, urbanista e asesora da alcaldesa de París; Steve Davies, arquitecto, presidente de The Placemaking Fund e cofundador de Project for Public Spaces; Marjorie van der Windt-Veit, axente cultural e xerente de Schouwburgplein; Patrick Bernard, activista e fundador de La République des Hyper Voisins; Moa Sundberg, enxeñeira civil e estratega de deseño urbano no Concello de Helsingborg; Cecilia Fredriksson, urbanista no Concello de Helsingborg; Johannes Riegler, urbanista e xeógrafo, Oficial de Participación de las Partes Interesadas de la Iniciativa de Programación Conjunta Urban Europe; ou José Chong, especialista en desarrollo urbano e cooperación internacional e oficial de xestión de programas en ONU-Hábitat.

Programa 

Este encontro-festival arredor do espazo público arrincará oficialmente a tarde do martes 27 de setembro cun discurso de apertura no que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, contará a historia da transformación de Pontevedra. A continuación desenvolverase unha sesión plenaria sobre como podemos crear xuntos cidades mellores durante os próximos tres días. Pola noite, terán lugar divertidas actividades ao aire libre que inclúen xogos, música e encontros nas rúas.

A xornada do mércores 28 empezará con estiramentos matutinos, unha carreira ou un café relaxante nalgunha das prazas a escala humana. Abrirase o festival con dúas conferencias maxistrais pola mañá centradas en como crear unha vida social boa e saudable nas cidades e como cambiar a perspectiva dunha urbe co enfoque do placemaking. Despois, o programa continuará con tres bloques de sesións de traballo nos que os participantes poderán escoller entre varios paneis, presentacións, talleres ou outras actividades. Tras escoitar aos responsables da toma de decisións, aos académicos e aos líderes locais, celebraranse dous relatorios máis sobre como crear unha transición xusta ou como dar sentido ao cambio. De seguido, os asistentes gozarán do espazo público de Pontevedra con diversas actividades ao aire libre, como a proba de ferramentas in situ e os paseos nocturnos con máscaras creativas.

O xoves 29, de 10 a 21 horas, desenvolveranse diversas actividades opcionais lentas e divertidas pola mañá e eventos nocturnos emocionantes e exploratorios para aproveitar ao máximo a estancia na cidade. O programa comezará con dúas conferencias maxistrais pola mañá sobre o deseño da vida en común a través de enfoques centrados nas persoas para a creación de instalacións, normas e sistemas e a dirección de proxectos de construción e desenvolvemento urbano con conciencia, e rematará pola tarde con outras dúas sobre a creación de lugares transformadores a través do placemaking e o papel dos diferentes actores na creación de cidades mellores, máis inclusivas e resilientes. Durante todo o día, terán lugar tamén tres bloques de sesións, cada un dos cales ofrece varias opcións temáticas en diversos formatos.


© Concello de Pontevedra

Retos locais

Finalmente, o venres 30, ademais de extraer as leccións dos días anteriores, a xornada de traballo centrarase nos retos locais que poden conducir a resultados universais e innovadores. Tras un bloque matutino de sesións maxistrais sobre experiencias locais e sesións de traballo en grupo, como presentacións, talleres e actividades ao aire libre, os participantes asistirán ás visitas de campo sobre catro temas diferentes, que inclúen unha visita ao terreo e talleres de colaboración sobre retos locais con perspectivas universais.

Este día tamén serán celebrados os dous últimos relatorios de clausura, nos que se examinará a perspectiva global do placemaking e explorará cales son os maiores retos aos que, como placemakers, enfrontarse nun futuro próximo. Por último, pero non menos importante, a clausura correrá a cargo de Miguel Anxo Fernández Lores e toda unha festa para celebrar as prazas públicas de Pontevedra.

Cómpre destacar que as conferencias do Teatro Principal e do Teucro disporán de tradución simultánea a lingua galega e que as que se desenvolvan na praza do Teucro serán de libre acceso e abertas á cidadanía.

Está pasando!