‘Pontevedra Debuxada’ ofrecerá dende este sábado tres obradoiros creativos para crianzas da man de tres ilustradoras

22 Setembro 2025

  • As actividades son de balde e consistirán en aprender a elaborar creacións artísticas que serán o punto de partida para tres planos turísticos que porán en valor a Boa Vila e máis a súa contorna
  • A edil de Promocion Económica destacou a importancia de que as nenas e os nenos se sintan «parte activa da identidade da cidade»

O Concello de Pontevedra, a traves da área de Promocion Económica, vén de presentar ‘Pontevedra debuxada’, obradoiros de ilustración para nenas e nenos de 6 a 12 anos que mesturan espazo público e creación artística mediante a observación da contorna.

Trátase dunha actividade de balde que ten o obxectivo de achegar a cidade á ollada dos máis cativos e de poñer en valor o traballo de tres creadoras estreitamente vencelladas coa Boa Vila.

A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, puxo de manifesto que se trata dun proxecto que ofrece ás crianzas a oportunidade de descubrir Pontevedra dun xeito diferente: «Queremos que os nenos e nenas se sintan parte activa da identidade da cidade, que aprendan a mirala con ollos curiosos e creativos, e ao mesmo tempo recoñecer e apoiar o traballo de tres ilustradoras cunha fonda vinculación coa nosa contorna», explicou na rolda deste pasado luns.

As tres xornadas desenvolveranse o sábado 27 de setembro na Praza de Abastos, de 11.30 a 13.30 horas; o sábado 4 de outubro no Pazo da Cultura, de 11.30 a 13.30 horas; e o sábado 11 de outubro, no Edificio Castelao, de 11.30 a 13.30 horas.

É necesario reservar previamente, pois as prazas son limitadas, e as solicitudes de inscrición pódense realizar dende xa a traves do espazo Apúntate habilitado na páxina web do Concello.

As tres protagonistas dos monográficos, que tamén estiveron presentes durante a presentación, son Aida Alonso, quen foi finalista en diversos certames de ilustracion e máis autora do cartel da vixésimo segunda edicion do Salón do Libro de Pontevedra; Natalia Umpiérrez, deseñadora gráfica que traballou en proxectos internacionais como a galardoada peza audiovisual ‘Unicorn Wars’; e Paula Cheshire, debuxante de cómics e nominada ao Premio Follas Novas este 2025.

Os traballos da cativada serán entregados ás artistas para que sirvan de inspiracion para unha ilustración final.

Está pasando!