Pontevedra exhibe esta fin de semana o seu amor polos peludiños coa celebración da I Feira Galega da Mascota
24 Marzo 2023
O evento, impulsado polas concellerías de Promoción Económica, de Benestar Animal e de Desenvolvemento Sostible, terá lugar no Recinto Feiral, reunindo a 23 expositores de diversos sectores vencellados ao coidado dos animais e acollendo charlas, seminarios e probas de agility autorizadas pola Real Sociedade Canina Española (RSCE)
As mascotas enchen tódolos de vida e afecto os fogares e rúas dunha cidade cuxo censo ronda os 20.000 cans. Un motivo de peso para que as concellerías de Promoción Económica, de Benestar Animal e de Desenvolvemento Sostible decidisen unir forzas para impulsar, por primeira vez en Pontevedra, a celebración dunha Feira Galega da Mascota.
O agardado evento terá lugar esta fin de semana no Recinto Feiral de Pontevedra, reunindo a 23 expositores de diversos sectores vencellados ao coidado dos animais e acollendo charlas e seminarios impartidos por expertos en eidos como a nutrición, a fisioterapia ou o adestramento, e probas de agility autorizadas pola Real Sociedade Canina Española (RSCE).
A Feira Galega da Mascota iniciarase o venres 24 pola tarde, de 16:00 a 20:30 horas, cunha xornada destinada exclusivamente a profesionais, abrindo as súas portas a todo o público o sábado 25, de 11:00 a 14:00 hora e de 16:00 a 20:30 horas, e o domingo 26, de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas. As actividades organizadas dentro deste evento, que foi presentado o pasado martes nun acto no que participaron os concelleiros socialistas Yoya Blanco e Marcos Rey e o presidente da Sociedade Canina Galega, Agustín Fontán Costa (membro da Real Sociedade Canina Española), distribuiranse en tres grandes zonas:
- Zona Agility, na que se desenvolverá unha proba puntuable para o Campionato de España da especialidade, tanto o sábado (a partir das 15:00 horas) como o domingo (desde as 9:15 horas), contando coa presenza da prestixiosa xuíza sueca Fanny Kristina Gott e de cans e donos procedentes de distintos puntos de Galicia e de España. O espazo contará cunha superficie de céspede artificial Juta Grass modelo Play Confort (empregado na selectiva de Lugo).
- Zona Expositores, onde os visitantes poderán informarse sobre os produtos máis novidosos do sector, ademais de contar coas distintas asociacións e protectoras, que explicarán os xeitos de colaborar e de adoptar ás nosas futuras mascotas. As firmas e colectivos confirmados son Ocean (alimentación), Bersot by Eva Soto (perruquería canina), I+D Capacitación, Disjual (distribución de pensos e accesorios para mascotas), Ritello (purificación doméstica), Ferco 2000 (seguros), My Dog, O Gourmet da Mascota (especializada en produtos de calidade para mascotas), Fiact (seguros), Orhogar (limpeza do fogar), Fauna (clínica veterinaria), Auria afiados, Granxa, Adopcións Galicia, Huellas Felinas, Protetora do Morrazo, Difusión Felina, Asociación Galgos 112, Rescue Galicia, Ohana, Os Palleiros, DivertiCans e Kesar-s Actividades Caninas Amables.
- Zona Charlas, na que se impartirán os distintos coloquios programadas para o público en xeral e uns seminarios de Perruquería exclusivos para profesionais. Dividirase en dous espazos que farán referencia a razas autóctonas de Galicia:
-
- Zona Quisquelo: o sábado 25 acollerá as charlas ‘Preguntas frecuentes e refráns sobre a alimentación canina’, a cargo de Ocean (11:15 horas); ‘Entendes ao teu can?’, a cargo de Candatí (13:15 horas); ‘Primeiros auxilios veterinarios’, por Quisquivet (16:15 horas); ‘Claves para unha adopción responsable’, por Protetora do Morrazo (17:15 horas), e ‘Fisioterapia veterinaria’, con Carmen Ceres (19:30 horas), así como unha ‘Exhibición de substancias olorosas’, por Lobos de Naraío (18:30 horas). O domingo 26 desenvolveranse nel coloquios sobre ‘Parques de mascotas’, a cargo de Naturgalia (11:15 horas); ‘Doma natural, equitación centrada e respectuosa’, a cargo de Granxa de Fina (12:30 horas); ‘Nutrición canina e felina. Necesidades e erros’, por Ocean (16:15 horas); ‘Mellorar a convivencia cos nosos cans’, con Candatí (17:30 horas), e ‘Concienciación sobre o abandono de cabalos’, con Granxa de Fina (18:45 horas).
- Zona Perdigueiro: o sábado 25 acollerá charlas sobre ‘Terapias asistidas con cabalos, hipoterapia e equinoterapia’, con Granxa de Fina (12:30 horas); ‘Fotografía á túa mascota’, con Patricia Maquieira (13:15 horas), e ‘Que fago se atopo un animal salvaxe?’ (18:30 horas) e ‘Loros, enriquecemento ambiental’ (19:30 horas), ámbalas dúas a cargo de Aecam, que tamén protagonizará un coloquio sobre ‘Alimentación de animais exóticos’ o domingo 26 (17:30 horas).
Tanto o sábado pola tarde, entre as 16:15 e as 18:30 horas, como o domingo pola mañá, de 11:15 a 13:30 horas, Margie González, profesora de Artero International Academy en Vigo (Rokecan), impartirá seminarios de Perruquería aos que só se poderá acceder con invitación e nos que se analizarán o estilo asian comercial e os cortes para o día a día.
A terceira proba puntuable que acolle Pontevedra, na mellor pista que existe en España
A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, asegurou que esta primeira edición da Feira da Mascota “supón un evento único na nosa comunidade, aglutinando a empresas, asociacións e entidades que traballan nos diferentes eidos que teñen que ver cos cans, gatos, cabalos e outros animais”. “Será unha fin de semana chea de actividades que, sen dúbida, desfrutaremos a tope todos os que amamos aos animais”, apuntou a socialista.
O concelleiro de Benestar Animal, Marcos Rey, destacou que a desta fin de semana “é a terceira proba puntuable para o Campionato de España da RSCE que se celebra en Pontevedra, atraendo a cans procedentes de toda España e de Portugal”. Segundo indicou, “nesta I Feira Galega da Mascota están representados tódolos colectivos e asociacións que traballan na cidade a prol dos nosos animais, tanto salvaxes como cans, gatos e outras especies domésticas, mesmo cabalos”.
Pola súa banda, Agustín Fontán agradeceu a aposta do Concello de Pontevedra e do Club Agility Patas pola organización de probas de agility e incidiu na “necesidade que temos os seres humanos da axuda dos cans, especialmente en acontecementos tan tráxicos como o terremoto de Turquía”. “Animamos a todo o mundo a que se achegue ata a proba de agility, xa que virán cans de toda España e parte de Portugal que correrán sobre a mellor pista de agility que hai en España. Podemos presumir disto. Agardo que esta Feira da Mascota continúe en novas edicións, dada a importancia que teñen as mascotas no día a día dos seres humanos”, afirmou o presidente da Sociedade Canina Galega.