Pontevedra ofrece unha programación de Nadal “para levantar o ánimo das persoas”

3 Decembro 2020

A Concellaría de Festas que dirixe Carme da Silva presentou esta mañá a programación de Nadal que comezará este venres co acendido da iluminación de rúa, e que se prolongará até o vindeiro 10 de xaneiro polo centro da cidade, os barrios e as parroquias.

Carme da Silva aclarou que “dende a área de Festas considerabamos que tiñamos que esforzanos en facer unha programación en Nadal deste ano que contribuíse a levantar o ánimo ás persoas, sendo conscientes das dificultades e das medidas de seguridad, para que fósemos un pouco máis felices”.

Tamén indicou que esta programación obedece a que “é necesario inxectar recursos económicos no sector cultural, un dos máis afectados por esta situación” e tamén inxectar recursos no comercio local.

A programación de Nadal que se presentou hoxe vai ter dous escenarios principais: as rúas e prazas de toda a cidade, e outro o Teatro Principal. “Optamos por facer unha programación segura e intensa”, explicou a concelleira, que terá música, animación, circo, maxia… “e para que sexan seguros optamos para que sexan espectáculos itinerantes polos barrios e rúas da cidade, para evitar posibles aglomeracións e problemas de aforos”.

Dende o 4 de decembro, 9 grupos que van facer máis de 30 espectáculos itinerantes: Charanga OT, Charanga Mil9, Pablo Méndez, Barafunda, Rivel, Armonium… No outro escenario, o Teatro Principal, estará a programación infantil con dous pases e nove espectáculos diferentes de 4 compañías: Baobab Teatro, Migallas…

Carme da Silva asegurou que “é unha honra poder organizar esta programación de actividades itinerantes con grupos que son de Pontevedra e a súa contorna e poder contribuír con esta programación a manter un sector tan afectado como o cultural e o dos espectáculos en vivo”.

Este Tempo de Nadal comeza este venres, 4 de decembro, ás 18.30 horas co acendido da iluminación de Nadal na cidade. Ilumínanse máis rúas ca nunca (81) e disporá de máis motivos de Nadal ca nunca. Ademais das árbores de Nadal na Ferraría e Méndez Núñez; iluminación do Teatro Principal, das árbores da praza de San Xosé, árbore de Eduardo Pondal; Pazo da Cultura, Casa Consistorial, Michelena 30. Bolas xigantes en Daniel de la Sota e na praza da Audiencia. Póñense como novidades unha campá xigante en Barcelos, bolas de Nadal na praza do Hospital e en Monte Porreiro; árbore de Nadal na Parda; reforzo da iluminación do centro histórico: manto de luces en Méndez Núñez e na praza da Leña; iluminación da Araucaria de 27 metros da Alameda.

O ámbito da Ferraría disporá de elementos decorativos propios do Nadal e algunha que outra sorpresa na Praza de Ourense.

Ese día arranca con animación de rúa, a partir das 18.30 horas, polo centro histórico a cargo de Pablo Méndez Performance. Pasacalles de Fadas Máxicas e Marionetas do Nadal.

PROGRAMA TEMPO DE NADAL (↓)

Está pasando!