Presentación da XXII Feira Franca | © Concello de Pontevedra

Pontevedra prepárase para unha Feira Franca cos números como protagonistas e con toda a veciñanza entregada á mesma

29 Agosto 2023

  • O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, pon en valor o traballo das empresas locais e galegas que fan posíbel a realización da festa e a creación dun programa espectacular
  • Pablo Méndez Performance creou un espectáculo novo para a presentación que buscará a sorpresa de todos os que se acheguen a velo á Praza da Ferraría, ás 22 horas deste venres

Este venres, 1 de setembro, Pontevedra volverá subir a esa máquina de tempo colectiva que é o pacto cidadán que permite viaxar varios séculos atrás. Cara ao final da tarde, será anunciada o comezo da XXII Feira Franca cos pregoeiros a cabalo polas rúas do centro histórico. Pasada a noite, chegará o sábado, e con el unha das xornadas máis festivas e sinaladas no calendario pontevedrés.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, realizou esta mañá unha comparecencia para lembrar que apenas faltan tres días para o comezo dunha edición da Feira Franca logo dun verán coa cidade «botando por fóra» decotío. «Cremos que vai ser unha edición de récord», explicou. «Está xa case todo listo e no seu sitio. Falamos de máis de 50 persoas traballando na instalación e preparación de todos os elementos e contaremos con máis de 500 persoas traballando durante toda a Feira Franca para crear a ambientación que a Boa Vila merece».

O rexedor subliñou a alta participación coa que conta a festa ano tras ano, sendo «sentida por toda a veciñanza pontevedresa», lembrando, ademais, que todas as empresas que traballan na súa realización son empresas «senón de Pontevedra, do país», tal e como figura no programa oficial coa presencia de Hípica Celta, Troula, Falcóns Galicia, a Escola Hungaresa, Trobasóns, etcétera.



Seguindo este fío, o alcalde quixo contar coa presenza de Pablo Méndez, responsábel de Pablo Méndez Performance, na presentación deste martes, compañía encargada da creación e posta en marcha do espectáculo de presentación do venres, que levará por nome ‘Os números’, temática desta edición.

«É unha empresa da que debemos sentirnos orgullosos na cidade. Falamos dunha compañía que traballou en todos os continentes agás Oceanía, e que fai máis de mil espectáculos ao ano», explicou o rexedor. «Estou convencido de que este venres ofrecerá un espectáculo incríbel, que este ano tivo esa complexidade extra de crear un guión cos números como temática, que non sempre é doado».

Pola súa banda, Méndez explicou que se trata dunha montaxe «completamente distinta á do ano anterior» a través dun concepto tamén diferente. «Este ano, ademais de todos os artistas locais e galegos, contaremos cun artista que traballou co Circo do Sol, que virá facer un número dentro deste espectáculo. Prevemos que será un espectáculo digno do evento e que volverá sorprender. Pontevedra é unha cidade acostumada á cultura, aos grandes espectáculos, e traballamos arreo para lograr esa sorpresa».


Torneo medieval na praza de Touros | © Concello de Pontevedra

FEIRA FRANCA

A XXII edición da Feira Franca de Pontevedra, Festa de Interese Turístico de Galicia, celebrarase os días 1 e 2 de setembro de 2023.

“Os días 1 e 2 de setembro hai Feira Franca de números e contas na ilustre vila de Pontevedra. Os seres humanos temos necesidade de contar. Así, dende a prehistoria aprendemos a base do dez, coma os dedos, para establecer ducias: unha ducia, dúas, tres… Aínda así nunca fomos quen de medir o intanxible en números, como se mide a paixón ou a ledicia?, canto é pouco ou moito amor?”…

Son palabras incluidas no texto introductorio do programa da Feira Franca 2023, adicado este ano a Os números.

programación da XXII Feira Franca é a seguiente:

VENRES 1 | Véspera da XXII Feira Franca

  • 19.00 h. Pregoeiros a cabalo anuncian o comezo da XXII edición da Feira Franca polo centro histórico.
  • 22.00 h. Espectáculo ‘Os números’ a cargo da compañía Pablo Méndez Performance na Ferraría.

SÁBADO 2 | XXII Feira Franca

  • 11.30 h. Apertura do mercado medieval (avda. de Santa María) e da mostra de oficios (prazas da Ferraría, da Pedreira e do Peirao).
  • 11.30 h. Música medieval. Trobasóns, centro histórico.
  • 12.00 h. Recreación do transporte do viño pola asoc. Recriativa de Xeve, A Xanela do Maxín, Troula, animación; Duos Pontes, música; representacións… Percorrido: rúas de Santa Clara, Sarmiento, Pasantaría, praza da Ferraría e remate na praza da Peregrina.
  • 12.30 h. Cantar de cego e música medieval a cargo de Pola Vila polas rúas do centro histórico.
  • 12.30 h. Demostración e obradoiros de esgrima. Escola Hungaresa, Montero Ríos.
  • 13.00 h. Grupo de animación. As Lendas do Camiño do Bruxo do Lerce.
  • 13.00 h. Tiro con arco. Boa Vila, Montero Ríos.
  • 13.30 h. Cetraría. Falcóns Galicia, Montero Ríos.
  • 17.00 h. Demostración e obradoiros de esgrima. Escola Hungaresa, Montero Ríos.
  • 17.30 h. Gran torneo medieval. Hípica Celta, praza de touros. Entrada de balde ata completar a capacidade; polas portas 2, 3 e 6.
  • 17.30 h. Animación medieval. Olodum do Coio.
  • 18.00 h. Cantar de cego e música medieval a cargo de Pola Vila, centro histórico.
  • 18.00 h. A Galiña dos Ovos de Ouro. Art Monium, centro histórico.
  • 18.00 h. Os bufóns. Troula.
  • 18.00 h. Música e bailes medievais. Asociación de e Danzas Duos Pontes, praza da Peregrina.
  • 18.30 h. Tiro con arco. Boa Vila, Montero Ríos.
  • 18.30 h. Grupo de animación. As Lendas do Camiño do Bruxo do Lerce.
  • 19.00 h. Cetraría. Falcóns Galicia, Montero Ríos.
  • 19.30 h. Pasacalles. Bufóns Medievais. Art Monium.
  • 20.00 h. Gran torneo medieval. Hípica Celta, praza de touros. Entrada de balde; portas 2, 3 e 6.
  • 20.00 h. Grupo de animación. As Lendas do Camiño do Bruxo do Lerce.
  • 21.00 h. Música medieval. Cantares de cego.
  • 21.45 h. Pasacalles. Errantes, centro histórico.
  • 22.00 h. Pasacalles. A Santa Compaña, A Xanela do Maxín.

Está pasando!