Pontevedra recupera a Mostra de Teatro Universitario

11 Abril 2022

Doce anos despois da súa última edición, a Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu), promovida pola Vicerreitoría do campus coa colaboración do Concello, retorna a Pontevedra.

A aula de teatro da USC, abrirá o mércores 20 esta Miteu con ‘A Casa da forza’, unha obra dirixida por Roberto Salgueiro. Baseada nun texto da dramaturga Angélica Liddell, trátase dunha obra centrada “no feminismo e a situación da muller no século XXI”, sinalou Del Río, que salientou que as catro montaxes que integran a programación abordan temáticas “que sempre van invitar ao diálogo e á reflexión”.

Ao día seguinte poderá verse no Pazo da Cultura ‘O parke do crespúskulo’, do grupo Maricastaña, nivel 3 de aula de teatro do campus de Ourense. Con dramaturxia e dirección de Fernando Dacosta e inspirada nun libro de Paul Auster, a obra que na noite deste mércores puido verse na Miteu de Vigo pon o foco na ocupación, “nos motivos que levan á xente a ocupar unha casa deshabitada”, como salientou Del Río. Faino, como recolle o seu texto de presentación, presentando as historias de persoas diversas que conviven nunha casa abandonada, desde unha que traballa nunha empresa de desafiuzamentos a unha “pintora amadora idealista” ou “unha doutoranda que debe acabar a súa tese sen un can”.

Xa á semana seguinte, a mostra pecharase con dúas obras “cunha temática similar”, recoñeceu Del Río. O mércores 27 poderá verse ‘Emigrados’, unha montaxe dirixida por Casilda Alfaro e Sonia Rúa e centrada “nun tema mundial do que aquí en Galicia sabemos moito”, como é a emigración. A través dunha historia múltiple que engarza unha serie de pezas de distintos autores, presenta unha serie de situacións que, desde a proximidade co espectador contemporáneo, buscan promover unha reflexión sobre a emigración, o retorno ou o desenraizamento e “o drama individual e social que supón este outro xeito de exilio”.

Por último, o xoves 28, pecharase a programación con ‘Nosa señora das nubes’, na que conflúen as temáticas de memoria e o exilio. Dirixida por Del Río, esta montaxe ten como punto de partida un texto do autor arxentino Arístides Vargas que, como lembrou, tivo que exiliarse no Ecuador por mor da ditadura militar que sufriu o seu país natal. “É unha obra que collemos como metáfora de todos os movementos de exiliados que se están dando hoxe en día”, salientou o director dunha peza que, “desde o realismo máxico”, permite afondar nas consecuencias que “ten para tanta xente ter que abandonar o teu país de orixe e de como isto incluso faiche perder a memoria do lugar onde naciches”.

Todas as proxeccións darán comezo ás 21:00 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra, con entrada gratuíta ata completar cabida.

Programa da XIII Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra

Está pasando!