Presentación da Aña Urbana 2023 | © Concello de Pontevedra

Pontevedra recupera a súa Aña Urbana unindo e divulgando tradición, música e identidade rural

31 Marzo 2023

  • A edil de Festas, Carme da Silva, anima a toda a veciñanza a achegarse até a Praza do Concello para gozar dun intenso programa que inclúe obradoiros, roteiros, concertos e faladoiros
  • A Aña Urbana ten como fin achegar até a cidade unha tradición rural derivada do traballo en comunidade e das posibilidades que abre traballar cóbado con cóbado

A concelleira de Festas, Carme da Silva, presentou na mañá de xoves, 30 de marzo, unha nova edición da Aña Urbana, cita que volve trala ausencia e imposibilidade de ser realizada polas restricións sanitarias derivadas da Covid-19. Volverá con forza, como é habitual nos eventos que non puideron ser celebrados ao longo destes últimos anos.

«Unha das cousas máis duras que nos quitou a pandemia, alén da saúde, foi a posibilidade de facer festas con contacto, con apertas, bailes agarrados e outras cousas que son imprescindíbeis e forman parte habitual das nosas vidas», lembrou a edil. «Logo de dous anos que se fixeron moi longos sen gozar da Aña Urbana na praza do Concello, este 1 de abril poderemos recuperala».

Da Silva anima a toda a veciñanza pontevedresa a acudir a esta cita, gozar do seu programa e coñecela por vez primeira no caso de non ter ido no pasado. A carpa, situada na nomeada praza, abrirá ás 11:00 horas e así seguirá até ás 01:00 horas, máis de 12 horas de actividades intensas, co foco na cultural e na festividade e musicalidade tradicional, que tamén inclúe roteiros pola cidade.


Presentación da Aña Urbana 2023 | © Concello de Pontevedra

A Asociación Cultural Trépia é o colectivo detrás da organización desta potente xornada, e que contará co seguinte programa:

  • 11.00 horas – Apertura da carpa
  • 11.30 horas – Sorteo itinerario roteiros (grupos participantes)
  • 12.00 horas – Roteiro por grupos (rúas e prazas do centro histórico)
  • 14.00 horas – Pausa para xantar
  • 15.00 horas – Obradoiro de Regueifa (co Rabelo e Alba María)
  • 17.00 horas – Obradoiro de toques de leghón (con Xandre Outeiro)
  • 17.30 horas – Obradoiro de baile do ramo (con Álvaro Carballo)
  • 18.00 horas – Faladiro con Luís Prego
  • 19.00 horas – Actuación da escola A. C. Trépia
  • 21.00 horas – Concerto (Abril)
  • 22.00 horas – Concerto (Pan Sen Fron)
  • 23.00 horas – Serán (micro aberto)
  • 01.00 horas – Feche da carpa

Pola súa banda, Carla Riquelme, de Trépia, sinalou que tiñan moita gana «de ter unha festa por todo o alto». «Temos a posibilidade de volver facer un evento realmente importante, que xa leva máis de dez anos celebrándose no mes de abril, intre no que aramos a terra. A Aña Urbana achega á cidade unha tradición rural que supón traballar en comunidade, deixar constancia desa unión, da posibilidade de colaborar entre todos e todas».



A ASOCIACIÓN CULTURAL TRÉPIA

Sabendo que o entorno sócio-cultural no que esa tradición naceu e se desenvolveu esmorece a pasos axigantados, o único xeito de supervivéncia cultural pasa por atopar novos contextos onde a nosa música e baile se poidan seguir desenvolvendo.

O proxecto artístico inicial chamou-se Projecto Trépia, cunha proposta escénica na que se conxugaron música e baile tradicional (con repertório clásico e outro de nova creación) con programacións de electrónica e proxeccións de vídeo. A proposta foi moi exitosa, recibindo vários recoñecimentos no 2008, 2009 e 2010 (GalizaCrea, XuventudeCrea, FestiMadTaste…).

Actividades como a Aña Urbana (que leva o repertório de cantares e danzas relacionados coas labradas e os traballos do campo á cidade) supuxeron tamén un grande éxito de convocatória, e todo un referente para a difusión da cultura tradicional no ambiente urbano.

Hoxe imos xa camiño da 8ª edición e a Aña Urbana converteu-se nunha data de referéncia e un punto de encontro para a cultura tradicional na cidade de Pontevedra. Ademais, organizamos outras actividades de difusión sobre o ciclo de nadal (cantares e danzas de nadal e reis), entroido, maios, etc., alén doutras actividades de carácter formativo, como cursos monográficos, charlas e conferéncias.

Está pasando!