Presentación do Galegote 2026 | Concello de Pontevedra

Pontevedra recupera o Galegote, o festival de música en galego que encherá de concertos os locais e prazas da cidade

26 Marzo 2026

  • O edil Demetrio Gómez e o promotor Marcos Rivas presentaron esta nova edición, que encherá de concertos os locais e prazas da cidade combinando artistas consagrados e emerxentes
  • O cartel inclúe artistas como Eladio y los Seres Queridos, Kid Mount, Chicharrón, Portosanto ou Law, reflectindo a gran variedade estilística da actual escena musical galega

O concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística, Demetrio Gómez, e o promotor do evento, Marcos Rivas, presentaron o regreso do Galegote, o festival de música en galego que se celebrará na cidade os vindeiros 24 e 25 de abril de 2026, sendo a segunda xornada o día forte e festivo.

Gómez celebrou a volta deste evento, cualificándoo como un dos “buques insignia” da programación pontevedresa. Segundo o concelleiro, tras un pequeno parón, o festival recupera o seu espírito orixinal nun “momento moi doce da música galega”.

A programación deste ano ten como obxectivo xuntar a escena local coa de fóra de Pontevedra, combinando nomes xa consagrados da música en galego con artistas máis novos, abarcando así un abano estilístico moi variado. “Demostra que somos unha cultura viva e que temos unha escena moi potente”, engadiu Gómez.

Pola súa banda, Marcos Rivas (da produtora Jack Jack) quixo poñer en valor o papel fundamental do Galegote como plataforma para que as novas bandas comecen a despuntar antes de dar o salto a grandes festivais. Rivas destacou o fenómeno actual da música feita en Galicia, cunha nova vaga de artistas que están a encher salas emblemáticas tanto dentro como fóra da comunidade, abarcando xéneros que van dende o indie e o rock ata a música urbana.

O cartel desta edición de 2026 é un reflexo desa diversidade musical. Entre as confirmacións atópanse propostas de música urbana como a do compostelán Kid Mount —considerado unha das grandes revelacións do xénero— e Montedapena. Tamén haberá espazo para o indie, o rock e o pop coa presenza de bandas como Michu da Rocha, Portosanto (o novo proxecto que retoma a esencia de O Aolá), Chicharrón, Dogo, Law e Flip Corale.

A programación compleméntase con formatos máis íntimos e tradicionais, como o concerto acústico de Eladio y los Seres Queridos, o blues/jazz de Allada, e a escolma musical da Duendeneta Dilleis, que fará un repaso aos temas galegos dende os anos 50 ata a actualidade.

Os concertos desenvolveranse en formato de ruta por diferentes espazos e locais hostaleiros de Pontevedra, creando un ambiente de proximidade co público. Entre os lugares que acollerán as actuacións atópanse La Gramola, O Diaño, La Verbena, La Pomada, El Chato, A Nasa e o Campiño de Santa María. Os horarios detallados de cada actuación daranse a coñecer nos vindeiros días tras uns pequenos reaxustes de última hora na produción.

Ademais da novidade do cartel, o Galegote 2026 estrea unha nova imaxe gráfica deseñada polo equipo pontevedrés Culebra Estudio. A nova identidade visual renova a estética do festival pero mantén a característica e icónica lingua presente en edicións anteriores.

Está pasando!