Presentación da 12ª e 13ª edición dos premios Feroz en Pontevedra | © Concello de Pontevedra

Pontevedra será a sede dos Premios Feroz en 2025 e 2026

8 Maio 2024

  • Os galardóns, entregados pola Asociación de Informadores Cinematográficos de España, son uns dos máis populares e recoñecidos premios dentro da industria cultural estatal
  • A gala principal celebrarase no Recinto Feiral da Boa Vila o 25 de xaneiro, ao tempo que se realizarán distintas e variadas propostas paralelas en relación co cinema e o audiovisual
  • O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou que «os Feroz encaixan en Pontevedra á perfección, pois chegan cunha visión compartida que vai máis aló dos premios ou os galardóns, contemplando diversas experiencias en forma de obradoiros, proxeccións e outras actividades»

A Boa Vila será a sede dos Premios Feroz os próximos dous anos. Os galardóns entregados pola Asociación de Informadores Cinematográficos de España deixarán unha pegada de enormes dimensións na cidade de Pontevedra, sendo este un dos eventos máis relevantes e populares dentro da industria cultural de todo o Estado.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; xunto coa presidenta do colectivo, María Guerra; foron os responsábeis de anunciar a noticia de enorme calado xa non só para o municipio, senón para toda a comarca e o país, ao ser Pontevedra a primeira cidade galega en ser sede desta cita en toda a súa historia.


Miguel Anxo Fernández Lores e María Guerra | © Concello de Pontevedra

«Hoxe é un gran día para Pontevedra e para a súa veciñanza. Hoxe presentamos un novo evento que claramente mantén esa idea da que levamos tempo falando: cando queremos, somos capaces de todo», indicou o rexedor da cidade do Lérez. «Pontevedra será de novo vangarda e ollará ao futuro como epicentro de dinamismo, de cultura e de talento. Dalgún xeito, non o pecha, senón que agranda un círculo de traballo e de tecido dinámico que apoiamos e que seguiremos apoiando».

Fernández Lores quixo lembrar e facer unha chiscadela a todo o tecido cultural que se dá na cidade, en concreto co sector audiovisual, tanto a través das produtoras de éxito internacional que habitan na mesma, a presenza de festivais con nome de seu, como Novos Cinemas; ou a existencia e simbiose da vila coa Facultade de Comunicación Audiovisual da UVigo.

Doutra banda, tanto o alcalde como María Guerra, fíxose fincapé no encaixe deste evento dentro de Pontevedra, pois «encaixan en Pontevedra á perfección, ao achegaren cunha visión compartida que vai máis aló dos premios ou os galardóns, contemplando diversas experiencias en forma de obradoiros, proxeccións e outras actividades que serán reveladas no seu momento».

A presidenta da Asociación de Informadores Cinematográficos de España agradeceu «inmensamente a la ciudad de Pontevedra que nos invite a celebrar las ediciones 12ª y 13ª de los premios Feroz en 2025 y 2026». «Con este gesto, Pontevedra revalida su genuina condición de ciudad culta y compleja abierta a las voces de los artistas del audiovisual, que cada año proyectan un nuevo imaginario de nuestra sociedad».

«Los Feroz son unos premios con vocación itinerante, irreverente y rompedora, que en cada edición se ofrecen como punto de encuentro para celebrar los logros artísticos, pero también un espacio de reflexión con la sociedad misma», explicou. «Somos una asociación de periodistas de cine y series empeñada en poner en contacto a la ciudadanía con sus artistas”, recuerda Guerra, “y no solo aspiramos a organizar una ceremonia de premios sino atraer al público a actos y eventos que les interpelen».

A gala principal do evento será celebrada no Recinto Feiral o día 25 de xaneiro do ano 2025. Trátase dunha cita que achegará até Pontevedra a máis de 1.000 convidados e convidadas chegadas de todos os puntos da xeografía do Estado. Será a quinta vez que os Premios Feroz se celebren fóra de Madrid após as edicións en Bilbao (2019), Alcobendas (2020) e Zaragoza (2022 e 2023).

Está pasando!