Presentación Campionato de España absoluto de Karate e Para-Karate 2024 | © Concello de Pontevedra

Pontevedra ten todo a punto para celebrar esta fin de semana o Campionato de España absoluto de Karate e Para-Karate 2024

4 Abril 2024

Pontevedra vivirá un intensísimo fin de semana por mor da celebración do Campionato de España absoluto de Karate e Para-Karate 2024, e que terá como escenario principal o Pavillón Municipal dos Deportes. Así, desde o venres, 5 de abril, e até o domingo, 7 de abril, a Boa Vila será o epicentro do karate a nivel estatal.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, participou na presentación do nomeado evento, que achegará até Pontevedra a centos de deportistas chegados de todos os puntos da xeografía peninsular. Estivo acompañado do presidente da Federación Galega de Karate, Óscar Lafuente López; o presidente da Federación Española de Karate, Antonio Moreno; e o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galiza, José Ramón Lete.



Lafuente quixo facer público o seu agradecemento a todas as administracións implicadas na celebración do campionato, lembrando que este será xa o cuarto evento estatal que se fai en Pontevedra. «Sabemos o esforzo que realiza o alcalde e o seu equipo para traer este tipo de eventos á cidade», indicou. «Quero animar a toda a veciñanza de Pontevedra que veña e goce deste evento e das diferentes modalidades que competirán».

Cómpre indicar, que alén das competicións oficias, o sábado ás 18.30 horas será realizado un acto de recoñecemento público pola Federación Española de Karate ao equipo feminino, que se proclamaron campioas do mundo na última proba mundial.

Doutra banda, o rexedor da Boa Vila subliñou «o orgullo» que lle produce acoller en Pontevedra este campionato, sinalando que «seguiremos traballando á hora de seguir traendo este tipo de citas, mesmo máis grandes na medida que contemos con mellores instalacións deportivas».

Está pasando!