Pontevedra tende pontes entre a música e a saúde mental co ciclo ‘Resonancias’

12 Decembro 2025

  • O evento piloto celebrarase o mércores 17 de decembro ás 20.00 horas no Liceo Casino de Pontevedra, coas actuacións de Merino e Eladio y los Seres Queridos e máis unha conversa íntima.
  • A inscrición para o 17 de decembro está aberta a partir de hoxe no Apúntate da páxina web do Concello de Pontevedra.

O Concello de Pontevedra presenta ‘Resonancias’, un novo ciclo cultural que tende pontes entre a música e a saúde mental mediante unha fórmula innovadora: concertos mensuais acompañados dun coloquio no que artistas e especialistas comparten experiencias arredor das emocións e do benestar persoal.

A iniciativa nace como extensión do documental ‘H.E.I. – Hacia el Espacio Interior’ que explora o poder terapéutico da música nun contexto no que a ansiedade e a depresión forman parte da vida cotiá de moitas persoas.

Cada sesión estará dirixida pola psicóloga Rosana Corbacho e participarán dous artistas que combinarán unha actuación e unha conversa arredor da creación, as emocións e as súas experiencias ligadas á música.

O evento piloto celebrarase o mércores 17 de decembro ás 20.00 horas no Liceo Casino con Merino e Eladio y los Seres Queridos. A apertura de portas será ás 19.30.

A inscrición para o día 17 de decembro está aberta no Apúntate da páxina web do Concello de Pontevedra.

Con ‘Resonancias’ Pontevedra sitúase como un referente en materia de innovación cultural con compromiso social compaxinando arte, mocidade e saúde mental nun proxecto que aposta pola música como ferramenta de benestar e acompañamento emocional.

O ciclo terá continuidade ao longo do 2026 con novas sesións mensuais en diferentes espazos da Boa Vila, ampliando deste xeito o diálogo entre cultura e saúde mental e consolidando unha proposta que nace coa vocación de ficar.

Está pasando!