Miguel Anxo Fernández Lores na presentación do programa Nadal Pontevedra 2024/25 | © Concello de Pontevedra

Pontevedra terá un Nadal “ilusionante”, cun cento de actividades ideadas para crianzas de entre 2 e 102 anos

27 Novembro 2024

  • O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, fixo público este mércores o programa municipal para estas Festas, que inclúe obradoiros, animación a pé de rúa, decorados, espectáculos de maxia, música ao vivo ou humor
  • O alumeado de Nadal prenderase o vindeiro 5 de decembro, ás 19.00 horas, e contará coa colaboración da Banda de Música de Pontevedra e a agrupación Maravallada

Pontevedra albisca xa o Nadal, agardando a maxia dos reencontros e das noites cheas de sorpresas. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou este mércores o programa que o Concello de Pontevedra ten preparado as vindeiras semanas, e que definiu como “ilusionante”, pensado e ideado con agarimo para todos os nenos e nenas “de entre 2 e 102 anos”.

O rexedor sinalou a importancia dunhas datas nas que é habitual poder pasar tempo en familia ou cos seres queridos, compartido agasallos ou celebrando en compañía o comezo do ano. «Son unhas semanas especiais e por iso temos unha programación especial que chegará a todos os recunchos da cidade e das parroquias», contando ademais cunha participación realmente ampla dos distintos axentes culturais e asociativos de Pontevedra.

Alén das máis de cen actividades propostas, que inclúen obradoiros, espectáculos de maxia, animación de rúa, concertos, decoracións e recreacións, humor ou teatro; o alcalde lembrou «que neste Concello, temos contacto directo cos Reis Magos, co Apalpador e co resto de figuras máxicas do Nadal, ademais de cos seus axudantes, e queremos animalos para que merquen no comercio local».

Dentro de todo este conglomerado de posibilidades, Fernández Lores quixo destacar algunhas propostas como a pista de xeo de Montero Ríos, que este ano será o dobre de grande ca do ano pasado; o novo tren que poderán gozar as crianzas e as familias na Praza do Concello; as actividades especiais do Mercado, en especial as badaladas para crianzas con uvas máxicas de Aninovo; e o Concerto solidario do Conservatorio Manuel Quiroga, do 19 de decembro, cuxa recadación irá destinada de xeito íntegro ao conservatorio de Utiel.

O alcalde indicou que son máis de 300 persoas as que traballan para facer posíbel todas as actividades, a través de 30 empresas distintas. Doutra banda, quixo subliñar que o alumeado de Nadal vivirá a súa inauguración e encendido o 5 de decembro, ás 19.00 horas na Praza do Concello, contando coa Banda de Música de Pontevedra e a agrupación Maravallada.

Todo o programa pode ser consultado na web oficial do Concello de Pontevedra.


Está pasando!