Montaxe na Casa Consistorial | Concello de Pontevedra

Pontevedra ultima os preparativos para recibir mañá a súas Maxestades de Oriente

4 Xaneiro 2026

  • Os Reis Magos recibirán ás crianzas no Salón de Plenos ás 11.00 horas antes de percorrer as rúas da cidade a partir das 18.00 horas nunha espectacular comitiva con carrozas de Merlín, Star Wars e Tarzán.
  • O dispositivo especial de tráfico activarase ás 16.00 horas na zona de concentración e pechará o resto do circuíto ás 17.00 horas, garantindo itinerarios de acceso aos hospitais.

Pontevedra está a dar os últimos toques para vestir as súas rúas de gala e recibir como merecen ás tres personalidades máis agardadas do ano. Melchor, Gaspar e Baltasar xa confirmaron a súa chegada á Boa Vila para mañá, 5 de xaneiro, dispostos a encher de ilusión, música e cor cada recuncho da cidade e, sobre todo, a premiar o bo comportamento dos nenos e nenas pontevedreses.

O Concello teno todo listo para unha xornada inesquecible na que se repartirán un total de 2.000 quilos de caramelos ao longo de todo o percorrido.

A xornada máxica comezará pola mañá. As Súas Maxestades de Oriente queren escoitar de primeira man os desexos de última hora dos máis pequenos. Por iso, ás 11.00 horas, terá lugar a Recepción Oficial na Casa do Concello.

Nesta ocasión, o encontro celebrarase no Salón de Plenos, onde os Reis Magos, logo de ser recibidos polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, atenderán a todas as crianzas que se acheguen a saudalos, recollerán as súas cartas e compartirán con eles os momentos previos á gran noite de Reis.

Pola tarde, a partir das 18.00 horas, a cidade transformarase nun grande escenario de fantasía coa saída da tradicional Cabalgata. A comitiva deste ano promete ser espectacular, abrindo paso coa Policía Local e o camión escaleira de Bombeiros, seguidos pola música da Banda de Salcedo.

A maxia e a animación estarán garantidas coa participación de múltiples compañías e espectáculos. Entre as atraccións máis destacadas figuran os “Flamingos” e “Medusas” de Barafunda, os zancudos de Hípica Celta, e as “Ovellas do Belén” de Rivel Animación.

A música e o ritmo correrán a cargo da Charanga Xuntanza, os Gaiteiros Celme, o grupo folclórico “Pola Vila”, Duos Pontes e a percusión de Troula co seu “Circo Krasnodar” e o espectáculo “O Dentista da Rúa Brasov”.

As carrozas temáticas serán as grandes protagonistas visuais, transportando aos asistentes a mundos de soño con temáticas como Merlín, Star Wars e Tarzán. Todo isto servirá de antesala para as grandes carrozas reais: a do Rei Melchor, a do Rei Gaspar e a do Rei Baltasar, que pechará o desfile xunto aos elefantes de La Fiesta Escénica e as “Nécoras da Ría” de Rivel Animación.

O percorrido da Cabalgata será o seguinte: saída dende a Avenida de Lugo, Loureiro Crespo, Benito Corbal, praza da Peregrina, Michelena, praza de España e remate na Alameda.

Está pasando!