Pontevedra vaise promocionar danzando na rúa este mes de agosto

13 Xullo 2022

Contribuír a dinamizar o comercio, a hostalería e outros sectores económicos de Pontevedra a pé de rúa, a través do baile, é o principal obxectivo do proxecto ‘DanzaRúas’, organizada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo en colaboración coa escola de baile PonteBaile. A iniciativa desenvolverase na primeira quincena de agosto e traducirase na celebración de catro aulas de danza dunha hora de duración cada unha, impartidas de balde en distintos puntos da cidade.

En concreto, para a celebración destas clases foron seleccionados puntos especialmente frecuentados tanto pola cidadanía de Pontevedra como polos turistas que durante estas datas se achegan en grande número á capital da provincia: o 4 de agosto na ponte do Burgo, o 5 en Santa María, o 11 en Campolongo e o 12 na pasarela da rúa José Adrio Barreiro. Tódalas aulas darán comezo ás 20:00 horas.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, explica que “con esta actividade búscase esencialmente chamar a atención dos turistas, facer que paren e que se deixen seducir polo ritmo da música e participen deste DanzaRúas movendo un pouco o esqueleto, levando así outro bo recordo da súa estancia na nosa cidade”. “A iniciativa de dinamización está aberta a público de diferentes idades, xa que os bailes que se lles ensinarán aos participantes serán sinxelos”, subliña a edil do PSOE.


Está pasando!