Este martes presentarase á revista ‘Xeración Alfa’ | © Nós Diario

Pontevedra volverá facer de maio o mes da lingua

6 Maio 2024

A programación artellada ao redor do 17 de maio, Día das Letras Galegas, inclúe actividades e propostas de todo tipo, desde musicais a educativas


O concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez, presentou este luns, 6 de maio, a programación completa de ‘Maio, mes da lingua’. Trátase dun conxunto de actividades construídas ao redor da conmemoración do Día das Letras Galegas, entre as que se inclúen concertos musicais, espectáculos teatrais, certames orais ou presentacións culturais.

«É unha programación moi colectiva, realizada en colaboración con oito entidades pontevedresas que traballan na Boa Vila a prol da lingua», sinalou Gómez. «Prestaríame destacar que todas fan un esforzo realmente importante para que esta programación poida ser realizada, amosando o seuamor polo galego e por conseguir o obxectivo que todos e todas temos neste caso: que o galego sexa unha lingua normal en Galiza e que a poidamos utilizar en calquera eido».

Na práctica, o conxunto de propostas iniciará mañá o seu camiño, coa presentación en sociedade da nova revista xuvenil ‘Xeración Alfa’, que xorde a través da colaboración do Concello de Pontevedra co xornal Nós Diario. O edil explicou que a revista chegará a todo o alumnado de ensino secundario de Pontevedra, namentres que na súa presentación, este 7 de maio, no CITA, ás 19.30 horas, está prevista unha mesa redonda no que estará a directora do xornal, María Obelleiro; Ana Loureiro e Rafael Ruíz, coordinadores dos catro primeiros da publicación; Sara Ferro, compoñente das Fillas de Cassandra.

A programación continuará co concerto en forma de duelo de bandas, no conservatorio Manuel Quiroga, ás 19.30 horas do venres, 10 de maio.

A continuación, é posíbel consultar todas as actividades ao completo:

  • Sábado, 11 de maio – Ben Veñas, Maio. Certame musical e entrega de premios de todos os certames. Ás 18 horas, no Teatro Principal.
  • Xoves, 16 de maio – Concerto Agora: Sun-Iou. Ás 12.30 horas no CEIP Campolongo. Organiza o CEIP Campolongo
  • Venres, 17 de maio – Festa da Lingua. Ás 20.30 horas desde a praza da Peregrina, ruada con banda de gaitas. Ás 21 horas na praza da Pedreira, concertos de Os Vacalouras e Catuxa Salom. Coa colaboración da asociación cultural A Pedreira.
  • Sábado, 18 de maio – Festa da Lingua: xogos populares, Peter Punk, banda de gaitas e libros viaxeiros. Ás 11 horas na rúa Serra. Coa colaboración da asociación cultural A Pedreira.
  • Sábado, 25 de maio – Traficantes de verbas, con Aventeira. Ás 12 horas na Illa do Covo. Para crianzas de 8 a 12 anos, sen inscrición previa.
  • Sábado, 25 de maio – Falemos como galegas, con Migallas. Espectáculo teatral. Ás 17 horas no centro cultural de Monte Porreiro. Coa colaboración do centro cultural de Monte Porreiro. Entrada libre ata completar a cabida.
  • Domingo, 26 de maio – Bótalle un conto. Final. Ás 17 horas no Teatro Principal. Entrada libre ata completar a cabida.
  • Luns, 27 de maio – Correlingua. Ás 10.30 horas desde a alameda. Coa colaboración da asociación cultural Correlingua e CIG-Ensino.
  • Xoves, 30 de maio – Que viva o galego!, con Migallas. Ás 18 horas na alameda. Para crianzas de 4 a 6 anos. Programación do Apego na primavera, require inscrición previa.
  • Venres, 31 de maio – Recepción ás asociacións de peche de Maio, Mes da Lingua. Ás 20 horas no primeiro andar do Teatro Principal.
  • Sábado, 1 de xuño – Os monstros tamén teñen sentimentos, con Aventeira. Ás 12 horas na Casa Azul. Para crianzas de 8 a 12 anos, sen inscrición previa.
  • Sábado, 8 de xuño – Entrega dos Premios Mil Primaveras. Ás 19.30 horas no Pazo da Cultura. Coa colaboración da CTNL. Entrada libre ata completar a cabida.

O concelleiro de Normalización fíxolle un chamamento a toda a sociedade pontevedra para «poder desenvolver esta programación» con éxito. Ademais, lembrou que durante a recepción fixada o día 31 de maio, o Concello de Pontevedra fará entrega de varios lotes de libros da autora homenaxeada este ano polo Día das Letras Galegas, Luisa Villalta. «É un acto que nos presta realizar, pois é importante que lle deamos difusión á obra desta autora, quedando os seus libros nas mans da veciñanza pontevedresa». Os libros que se agasallarán serán mercados nas librarías da cidade.

Está pasando!