‘Saltar na rúa’ nunha edición anterior | © David Boleas

Pontevedra volverá ‘Saltar na rúa’ esta fin de semana

21 Agosto 2024

O evento, organizado pola Sociedade Ximnástica de Pontevedra, en colaboración co Concello, achega o salto de lonxitude, o triplo salto e o salto con pértiga até a Praza da Ferraría


O Paseo de Odriozola, ao carón da Praza da Ferraría, será un escenario emocionante e distinto ao que están acostumados as distintas atletas que practican salto de lonxitude, triplo salto e con pértiga. Así é, a oitava edición de ‘Saltar na rúa’ está de volta, da man da Sociedade Ximnástica de Pontevedra, co apoio do Concello de Pontevedra, para levar estas tres modalidades deportivas ao corazón da Boa Vila.

O vindeiro sábado, 24 de agosto, a partir das 19.30 horas, será posíbel ver unha exhibición de cada un dos tres tipos de salto atléticos. Trátase da oitava edición consecutiva que este espazo acolle na recta final do verán.


Presentación de ‘Saltar na rúa’ 2024 | © Concello de Pontevedra

A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, lembra importancia de levar o deporte até a rúa e mesmo de darlle protagonismo a todas as disciplinas do atletismo, sinalando «hai moitas máis cousas que correr, sexa velocidade ou fondo».

«Trátase dun espectáculo moi fermoso, xa que é moi estraño poder velo fóra dun estadio. Sorprende o ben que se integra na nosa cidade», sinalou a edil. «Temos que agradecerlle a Sociedade Ximnástica o seu traballo e a posta en valor do salto, ofrecendo un evento que sempre conta con moito interese, máis aínda ao virmos duns Xogos Olímpicos».

Pola súa banda, en representación da Sociedade Ximnástica de Pontevedra, Santi Ferrer indicou que a oitava edición de ‘Saltar na rúa’ é «algo especial, partindo da confianza posta polo Concello no equipo para sacala adiante e levala a cabo». «Deixamos todas as forzas e ilusións en este tipo de actividades».



O obxectivo de ‘Saltar na rúa’ non é outro que visibilizar estas tres modalidades deportivas, así coma o atletismo en xeral, amosando o espectacular que é do xeito máis próximo posíbel. Ao igual que en anteriores edicións, a cita contará con especialistas recoñecidos, tanto referentes do país, coma de Portugal. Por vez primeira, as portas desta exhibición abriranse ao talento de Euskalerría e Catalunya.

Achegaranse até Pontevedra saltadores e saltadoras como Oriol Almirall, Manuela Blanco, Sergio Coello, Olaia Gisela Becerril, Layla Lacuey ou Diego Míguez, entre outros, sumando até 22 atletas diferentes.

Está pasando!