Promoción Económica lanza tres vídeos protagonizados polas vendedoras do Mercado de Abastos de Pontevedra para dar a coñecer as súas vidas e visibilizar o seu labor co gallo do 8M

7 Marzo 2023

Baixo o título de ‘Mulleres que Contan’, as praceiras entrevistadas nas pezas audiovisuais elaboradas pola firma Ydeaweb falan sobre os seus proxectos e soños persoais ‘Máis alá do Mercado’, como comezaron a traballar nas instalacións da rúa Serra e as mulleres que teñen como referentes


No marco do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, a Concellería de Promoción Económica de Pontevedra acaba de lanzar tres vídeos protagonizados polas vendedoras do Mercado de Abastos de Pontevedra coa finalidade de dar a coñecer diversos aspectos das súas vidas e de poñer en valor o seu inxente labor. Englobadas baixo o título de ‘Mulleres que Contan’, as pezas audiovisuais elaboradas pola firma Ydeaweb (de entre 3 e 4 minutos de duración) adéntranse nos proxectos e soños persoais das praceiras entrevistadas, narran como comezaron a traballar nas instalacións da rúa Serra e falan sobre as mulleres que foron e son as súas referentes.

As vendedoras que nesta ocasión lle poñen voz ás heroínas do Mercado son Antía (Peixes e Mariscos Cachadas), Eva (Peixes e Mariscos E. Lameiro), Pilar (Mariscos Pilar Farto) e Begoña (A Queixería e Carnicería B. Laya), que aparecen no vídeo ‘As nosas Mulleres Referentes’; Loli (Mariscos Loli Loureiro), María (Froitería Pablo e María) e Montse (Carnicería Montse), que protagonizan a peza ‘Así comezamos no Mercado’, e Celia (Carnicería Celia Abal), Hermitas (Carnicería Macario) e Ángela e Esperanza (Plántate), que foron entrevistadas para ‘Máis alá do Mercado’.

A concelleira de Promoción Económica e de Igualdade, a socialista Yoya Blanco, asegura que “arrincamos a conmemoración do 8M cun intenso programa de actividades e este é o momento perfecto para visibilizar e render unha homenaxe a esas mulleres magníficas, bravas e fortes que nos atenden e ofrecen os mellores produtos do mundo no Mercado de Abastos”. “Estas pezas audiovisuais -sinala Blanco- permiten ademais coñecer aspectos máis íntimos e persoais dunhas emprendedoras cheas de proxectos e desexos”.




Está pasando!