Presentación da nova páxina oficial da Oficina do Cinema de Pontevedra | Concello de Pontevedra

Promoción Económica pon en marcha a páxina da Oficina do Cinema de Pontevedra para facilitar as producións audiovisuais

10 Novembro 2025

  • A edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, destacou o crecente interese das produtoras por rodar na Boa Vila e garantiu que servirá de axuda para axilizar todos os procesos para facelo
  • É posíbel consultar toda a información a través da web oficial https://cinema.pontevedra.gal/

O Concello de Pontevedra, a través da área de Promoción Económica, presentou esta mañá a nova páxina oficial da Oficina do Cinema de Pontevedra, un sitio que está activo dende xa e que se pode atopar dende a web oficial do Concello. O directorio está destinado a transformar a cidade nunha plataforma eficiente e accesible para produtoras e equipos de rodaxe.

A edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, estivo acompañada polo coordinador da que era a Pontevedra Film Comission, Miguel López, agora ao cargo da Oficina do Cinema de Pontevedra. A concelleira explicou como a idea xurdiu do crecente interese pola Boa Vila como escenario para rodaxes diversas, e puxo exemplos como os filmes ‘Matria’ de Álvaro Gago (2023) e ‘Antes de Nós’ (2024) ou a serie ‘El jardinero’ (2025), que dan boa conta dos distintos tipos de producións interesadas na cidade.

O portal, engadiu a edil, actúa como un “punto de acceso único e doado para localizar escenarios, axilizar trámites, conectar con profesionais locais e prestar apoio durante as gravacións”. A plataforma inclúe tamén un servizo de asesoramento para rodaxes, que ofrece acompañamento durante o desenvolvemento das producións e apoio na resolución de imprevistos, na coordinación de necesidades loxísticas e na relación cos distintos departamentos municipais. Ademais, a web propón un catálogo de localizacións que amosa as posibilidades da cidade como escenario audiovisual, dende o seu patrimonio histórico e os espazos urbanos até as paisaxes naturais e costeiras do entorno.

A Oficina do Cinema insírese na área de Promoción Económica e conta cun equipo técnico especializado encargado de acompañar, orientar e facilitar a chegada de producións á cidade cada vez máis atraídas polo modelo urbano da Boa Vila, recoñecido internacionalmente, sumado ao valor cultural e patrimonial para ofrecer un plató versátil e atractivo.

Está pasando!