Rayden e García Mc & Nación Quilombo abren este sábado 9 a primeira edición de ‘Marín é música’

8 Outubro 2021

  • A apertura de portas no Parque Azul será ás 19.30 horas e unha hora máis tarde, ás 20.30 horas, comezarán as actuacións dos artistas 
  • O concerto de mañá será a única cita do rapeiro madrileño en Galicia neste 2021, na que presentará ademais o seu sexto e último disco, Homónimo

O municipio de Marín prepárase para recibir na noite de mañá, sábado 9, unha cita única neste outono en Galicia: Rayden e García Mc & Nación Quilombo ofrecerán unha trepidante primeira edición de Marín é música.

O evento, que comezará ás 20.30 horas, conta co rapeiro madrileño como cabeza de cartel na que será a súa única cita deste 2021 en Galicia, e dará pé a que Rayden revise sobre o escenario pontevedrés os temas do seu sexto e últlimo disco, Homónimo. Canda el, o rapeiro García Mc acompañarase da Nación Quilombo nunha noite vibrante que porá o foco na palabra e para a que todavía se poden conseguir entradas en www.enterticket.es. 

A iniciativa, impulsada por PlayPlan Cultural coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e do programa Xacobeo 21-22, pretende dinamizar o territorio con actividade musical durante o outono a través dunha cita que se presenta como imprescindible na axenda desta tempada.

Con Marín é música, que terá lugar no Parque Azul da localidade pontevedresa, o público poderá gozar de pé dunha noite ateigada de rimas e creatividade con dous dos referentes do rap a nivel estatal. A apertura de portas no recinto será ás 19.30 horas e, unha hora máis tarde, os versos de García Mc -antigo membro de Dios ke te Crew- e a fusión cos ritmos do mundo de Nación Quilombo ofrecerán un espectáculo innovador no marco do rap en galego. García Mc dará paso outro creador áxil e audaz, como é Rayden.

O madrileño presentará ao vivo, por primeira vez en Galicia, o seu sexto e último disco, Homónimo, no que se inclúen temas como La mujer cactus y el hombre globo ou El mejor de tus errores, con Alice Wonder. Con este álbum, Rayden pon fin á súa triloxía musical sobre a palabra (Antónimo, Sinónimo, Homónimo). O artista, autor de himnos como Matemática de la carne, ou Haz de luz, que suman millóns de visualizacións e escoitas nas plataformas dixitais, destaca pola súa capacidade á hora de fusionar xéneros musicais ademais do toque lírico das súas letras.


Está pasando!